11:00
Romaría de San Ramón de Bealo

Romaría de San Ramón de Bealo

Esta é unha festa protagonizada polas parturientas, pero non é unha festa da fertilidade ao uso. Unha das súas singularidades é que á romaría boirense acoden mulleres a pedirlle a San Ramón un fillo. Trátase dunha romaría que, aínda que data do século XVIII, está vinculada a ritos pagáns que se perden no tempo arredor de gravados serpentiformes, símbolo de fertilidade, que se poden observar en dúas laxes xunto á ermida de San Ramón. Non só é unha das festas máis antigas de Galicia, senón que é a romaría campestre máis antiga que se celebra ininterrompidamente (desde 1756), e cóntanse por milleiros os asistentes. Moita xente vai de romeiro, acampa no Campo dos Outeiriños a noite do día 30 e queda alí ata ben entrada a noitiña do 31, despois de gozar dun día completo de xantar, sesión de viños e orquestras.
Durante a mañá do día 31, hai misas na ermida a cada hora. A elas acoden as mulleres en busca dun parto feliz ou dun embarazo e na última, na que se xunta o maior número de mulleres embarazadas, procedentes de todo o municipio e dos arredores, levan o santo en procesión. Existe, ademais, unha sobremesa “sanramón” que se regala ás amigas para lles desexar un bo parto.
No Campo dos Outeiriños é tal a acumulación de vestixios históricos e arqueolóxicos que paga a pena unha incursión nel para se deixar enfeitizar por unha paisaxe singular e única que nos achega a antigas tradicións e aos espazos que inmortalizaron nas súas obras escritores galegos como Valle-Inclán, Castelao, Eduardo Dieste ou Borobó.
Download App iOS
VIRAL App
Download App Android