20:30
XXXII Festival de Jazz de Lugo: Mark Turner Quartet

XXXII Festival de Jazz de Lugo: Mark Turner Quartet

Nacido no 1965 en Fairborn, Ohio, o saxofonista tenor Mark Turner medrou baixo a influencia de Dexter Gordon, Sonny Rollins e John Coltrane. Estudou en Berklee, a prestixiosa fábrica de músicos de jazz, onde entrou en contacto con algúns dos artistas emerxentes da súa xeración: os saxofonistas Myron Walden e Chris Cheek, o trombón Steve Davis, o pianista Johnny King, os baterías Jeff Ballard e Leon Parker, o baixista Ben Street e o guitarrista Kurt Rosenwinkel. Despois mudouse para Nova York; alí traballou con James Moody, Joshua Redman e Jimmy Smith entre outros. Turner tocou e colaborou con máis de corenta e cinco bandas de jazz.

Return from the Stars (titulado así pola novela de ciencia ficción de Stanislav Lem) é o seu primeiro álbum de cuarteto desde Lathe of Heaven (2014). Estamos ante un documento esencial da arte de Turner como intérprete e do seu pensamento conceptual como director de orquestra. A organización do presente cuarteto concede ós músicos moito espazo para moverse nun álbum á vez estimulador e reflexivo no seu arco de expresión. Os solos flúen organicamente dos arranxos e, baixo a interacción, a miúdo encandeante, do tenor de Turner e a trompeta de Jason Palmer, a sección rítmica de Joe Martin e Jonathan Pinson avanza con liberdade.
Download App iOS
VIRAL App
Download App Android