18:30
Monstros

Monstros

No exterior dunha sinistra casa, catro personaxes miran por unha fenda. É unha visión terrible, pavorosa. Intúense seres saídos dos peores pesadelos agochados entre as sombras. O nervio e o terror apodéranse do ambiente, as palabras atropélanse nas bocas. Será certo que aquel lugar está habitado por un monstro? Si, iso parece. Pero como é? Atréveste a vir con nós e mirar á terrible criatura á cara?

“MONSTROS” é un espectáculo familiar que reflexiona sobre aquelo que consideramos monstruoso e tal vez por iso nos aterroriza. Pero faino desde o humor, porque a risa é o mellor antídoto contra o que nos asusta. Este espectáculo é unha viaxe. Acompañando a estes catro personaxes asistimos a un desfile de criaturas terroríficas que nos acaban ensinando que o atroz está nos ollos de quen mira. O que é diferente a nós, por veces, resulta aterrador. Unha vez que nos enfrontamos ao monstro e incluso xogamos construír o noso propio, nós tamén cambiamos. E se non é tan diferente a nós? Agora que nos atrevemos a tocalo coas mans, somos a mesma persoa á que aterrorizaban as sombras?

“MONSTROS” é o artefacto divertido que nos conta que aprender a convivir cos nosos medos axúdanos a entendernos a nós e ás demais persoas, a aceptar as nosas propias monstruosidades.

“MONSTROS” é un espectaculo orientado para público escolar e familiar cun elenco de primeira. Patricia Vázquez, Rocío González e Víctor Mosqueira; e coa música en directo do músico Piti Sanz. Este elenco desenvolverá as moitas historias que exploran os nosos medos utilizando a técnica do clown. A vella arte dos pallasos que parodia sen maldade, critica sen intención e que nos reconcilia coa nosa alma infantil. Un espazo escénico case nú e a música en directo axudarán a levarnos de paseo polos ambientes mais sinistros: sórdidas catacumbas, casas enmeigadas, gabinetes de tortura, criptas de pesadelo. Quen son as autoras desta farsesca viaxe ao planeta do medo? María Lado e Lucía Aldao. Quen dirixe esta festival do humor e o terror? Marcos Orsi.

Espectáculo co que Excéntricas comeza a celebración do seu 20º aniversario
Download App iOS
VIRAL App
Download App Android