O MARCO presenta un novidoso sistema de rutas interactivas dentro do proxecto "Vigo Vertical" do Concello de Vigo.
Deseñado polo equipo de I+D do Concello de Vigo para museos e espazos da cidade, o proxecto foi premiado na máis recente edición do Premio IDC 'Smart Cities & Communities' para Europa e Asia Central.
Dispoñible a través da App Vigo, o novo sistema permite aos visitantes acceder a todo tipo de contido sobre as exposicións temporais e outras actividades do MARCO.
https://www.youtube.com/watch?v=weTmwFUTwvw&t=1s
A partir deste mes de decembro, habitantes e turistas de Vigo comezan a gozar dun innovador sistema de rutas exteriores sobre o patrimonio cultural, ambiental e histórico, e percorridos interactivos na rede de museos municipais.
O proxecto, deseñado polo equipo de I+D do Concello de Vigo e desenvolvido e implantado polas empresas Telefónica e Imatia, conta co cofinanciamento dos fondos DUSI europeos dentro do proxecto "Vigo Vertical".
Facilmente accesible a través da App 'Vigo', o obxectivo é poñer en valor o rico patrimonio de Vigo creando unha grande base de datos de elementos clave da cidade -sexa polo seu interese turístico, histórico, ambiental, cultural ou artístico- e potenciar o turismo e as actividades de ocio cultural ou ambiental, así como deseñar novos recursos divulgativos e educativos.
Rutas no exterior e rutas interiores en museos e centros culturais
Sobre esta base de datos de puntos de interese créanse percorridos e rutas interactivas tanto en exteriores -mediante localización por GPS- como en interiores. Neste caso utilízanse beacons ou balizas bluetooth que detectan a proximidade do visitante a cada punto de interese. Así, os museos de Vigo serán dos primeiros de Galicia en posuír esta tecnoloxía de interacción entre museo e visitante; un innovador sistema utilizado por grandes museos de todo o mundo, como o Museo de Brooklyn, NY; Museo Guggenheim, NY; Museo do Louvre; Museo Nacional de Cardiff; ou Museo de Arte Contemporáneo de Cracovia.
Nesta primeira fase do proxecto están dispoñibles seis rutas: dúas interiores, con percorridos polas exposicións actuais do MARCO, e catro rutas de exterior (Monte do Castro, Muralla de Vigo, Xardín do pazo Quiñones de León, "Vigo en 60 minutos"), que seguirán ampliándose en número, localizacións, contidos e recursos a medida que o programa continúe avanzando.
Percorridos polas exposicións de MANUEL VILARIÑO e CELESTE GARRIDO
No caso do MARCO, o novo sistema permite aos visitantes acceder a todo tipo de contido sobre as exposicións temporais e outras actividades, sexa nos propios espazos mediante os beacons ou dispositivos situados en salas, ou en calquera outro lugar seguindo a ruta dende a pantalla do móbil, unha vez descargada a aplicación.
Actualmente, están activas as rutas sobre as exposicións de Manuel Vilariño e Celeste Garrido, que, a xeito de visitas guiadas específicas, e a través de vídeos de artistas e comisarios, imaxes, textos e outra información de interese, permiten ao público percorrer individualmente os espazos e afondar nos seus contidos. Proximamente incluirase unha ruta sobre a historia do edificio e outros percorridos interactivos de carácter educativo, con xogos de gamificación tipo yincana e preguntas sobre os elementos visitados. O sistema tamén permite puntuar a experiencia por parte do visitante, e está preparado para poder utilizarse como sistema de audioguías.
Fuente: https://www.turismo.gal/axenda-cultural/evento?langId=gl_ES&nid=86740
VIRAL utiliza ricas galletitas (cookies), si sigues navegando aceptas su uso. Saber más.Aceptar