Declarada Festa de Interese Turístico de Galicia en 2004, a festa do Santísimo Cristo dos Aflixidos de Bouzas conta cun grande arraigo popular no seu contorno. Durante cinco días celébranse distintos actos, entre os que destacan o pregón, a regata internacional de faluchos (embarcacións tradicionais de vela latina), a procesión e o Festival Poético Piro-Musical "Cidade de Vigo - Vila de Bouzas", que adoita retransmitir en directo Televisión de Galicia.
Verbenas, concursos de redacción e pintura e torneos deportivos completan a programación festiva. O domingo pola noite, os veciños de Bouzas, antiga vila pesqueira, anexionada ao municipio de Vigo en 1904, acompañan ao Santo Patrón, a ombreiros dos portadores, nunha procesión na que participan tamén as autoridades. A este solemne acto, seguido por milleiros de persoas, séguelle a gran tirada de fogos de artificio. Desde os peiraos de Bouzas e os miradoiros de Vigo –Paseo Alfonso, montes do Castro e da Guía– o espectáculo sobre a ría de Vigo é admirado por un inmenso xentío.
VIRAL utiliza ricas galletitas (cookies), si sigues navegando aceptas su uso. Saber más.Aceptar