A Festa do Carneiro ao Espeto pon o punto final ás festas de Moraña. O escenario é a carballeira de Santa Lucía. Aquí ásanse ao estilo pampeiro (abertos en canal e con lume de leña), preto de douscentos carneiros. Non se venden racións, senón carneiros enteiros, polo que é unha festa gastronómica na que participan grandes grupos de amigos, previa reserva de mesa (20-30 persoas) e lote de comida (un carneiro, dúas empanadas de zorza e bacallau, pan, un garrafón de viño do país e café). Pero ninguén queda sen degustar a saborosa carne, xa que todos os restaurantes do municipio a preparan eses días en previsión do numeroso público que se achega á festa.
A festa ten a súa orixe remota nos primeiros anos do século XX, cando un emigrante da vila en Arxentina organizou unha comida campestre con carneiro ao estilo pampeiro. Pero naceu tal e como se celebra na actualidade en 1969 por iniciativa dun grupo de mozos da localidade. Con tan longa traxectoria, está considerada unha das citas gastronómicas máis importantes de Galicia.
Mentres esperan polo asado, que necesita unhas sete horas para estar a punto, os comensais abren o apetito coas empanadas e o viño. As peñas, recoñecibles polas súas rechamantes camisetas, animan a comida coas súas charangas e todo o mundo remata contaxiado do espírito lúdico desta gran bacanal.
VIRAL utiliza ricas galletitas (cookies), si sigues navegando aceptas su uso. Saber más.Aceptar