N/D
Festa da Maruxaina de San Cibrao

Festa da Maruxaina de San Cibrao

Os habitantes desta parroquia mariñeira non se poñen de acordo sobre o carácter e as verdadeiras intencións da Maruxaina, un personaxe que protagoniza unha das máis remotas lendas galegas e vive nas illas dos Farallóns. Uns din que é unha fermosa ninfa con corpo de muller e cola de peixe que ten envexa das mulleres dos mariñeiros, e por iso co seu sedutor canto atrae os mariñeiros para gozar da súa compañía. Outros manteñen que ela lles avisa dos temporais e que é unha vella bondadosa. En todo caso, a figura da Maruxaina está rodeada de misterio, e incluso nos tempos máis recentes a lenda alimentouse na zona cos naufraxios, por exemplo, do buque Castillo Moncada (1945), do pesqueiro Marifran (anos 50) ou do buque Carebeka VIII (1982).

Sexa como for, o pobo decidiu escenificar a lenda de Maruxaina, que conta que foi apresada e xulgada, e faino desde 1985 cunha festa que fascina a veciños e visitantes por igual. É unha festa que leva no seu espírito o poder enfeitizante da propia Maruxaina, e comeza pola mañá con distintos actos, xantar e xogos populares na praia do Torno. O acto central comeza un pouco antes da media noite. Homes e mulleres visten como as xentes do mar de tempos antigos: eles, co pantalón e a camisa remangados, e elas, con saias longas. Coas luces da vila apagadas, os homes saen ao mar na busca da Maruxaina e intérnanse nel facendo soar cornos e bucinas para non escoitar o canto da serea. Os mariñeiros regresan á praia do Torno coa figura da Maruxaina, en medio de fogos de artificio, e entre o clamar do público a nereida é conducida á praza da vila para ser xulgada polos seus actos de todo o ano no Gran Xuízo Popular. A Maruxaina é sempre absolta, e na lectura da sentenza o xuíz manda celebrar unha gran festa, con queimada incluída, ata o amencer.
Download App iOS
VIRAL App
Download App Android