N/D
Festa da anguía e a mostra da caña do país de Valga

Festa da anguía e a mostra da caña do país de Valga

Desde o ano 1989 celébrase en Valga a Festa da anguía para enxalzar e dar a coñecer un dos peixes máis exquisitos do río Ulla. Pretende mostrar as distintas posibilidades culinarias que este peixe nos pode ofrecer: ano a ano fóronse engadindo novas formas de preparalo, e así na última edición os milleiros de visitantes puideron degustalo en empanada, fritido, guisado con patacas, rebozado, en escabeche ou á Bela Otero (con arroz).

Dous anos despois acordouse celebrar conxuntamente con esta festa gastronómica a Mostra das augardentes tradicionais que se elaboran en todas e cada unha das parroquias de Valga; nacendo así a Mostra da caña do país. Deste xeito os produtores de caña da zona poden mostrar os produtos que, seguindo o modelo tradicional pasado oralmente de xeración en xeración, conseguían obter coa destilación do bagazo da uva: a caña do país de Valga, unha das augardentes máis prezadas de Galicia.

A Festa da anguía e a Mostra da caña do país de Valga desenvólvese ao longo da última semana do mes de agosto.

Nestes días ten lugar o concurso de augardentes de cada unha das modalidades ás que se pode concorrer: branca, tostada e de herbas. Tamén se celebra unha queimada popular, seguindo o método tradicional. A queimada é gratuíta para todo o mundo e quéimanse máis de 300 litros de augardente.

O día principal da festa comeza coa lectura do pregón das festas, e a entrega de premios aos gañadores da mostra da caña.

Realízase unha destilación de augardente segundo a maneira tradicional de facelo, con leña e en pota de cobre.

Máis adiante comeza a degustación da anguía.

O desenvolvemento da festa leva parello un programa cultural e musical que se desenvolve tamén eses días, nos que os veciños de Valga, visitantes e turistas poderán asistir a concertos, bailes rexionais, teatro, exposicións, actividades deportivas e actividades lúdicas para os e as máis cativos.
Download App iOS
VIRAL App
Download App Android