O Paporrubio nace en Lalín no ano 2013 da man de Luchi Iglesias. A súa personalidade enredante e argalleira fixo que dende moi novo se interesase polas formas de diversión da xente, o que unido ao seu traballo de actor, titiriteiro e escenógrafo deu como resultado O Paporrubio. Este é un proxecto que xira ao redor dos xogos populares, sempre á procura da súa revitalización a través da inclusión de elementos teatrais, musicais e plásticos, pero que non esquece o que de lúdico e comunitario teñen de por si os xogos tradicionais. Paporrubio nace en base a dúas liñas de traballo moi definidas e dependentes unha da outra:
– A artesanal, dedicada á construción e recuperación de brinquedos da nosa tradición, pero tamén, e sobre todo, á investigación e produción de xogos orixinais que actualicen e manteñan o imaxinario da nosa cultura popular.
– A escénica, na que a través da posta en escena cos nosos espectáculos en festas, feiras e actividades escolares procuraremos a visualización e a dinamización dos nosos xogos para que se descubran todas as súas potencialidades.
VIRAL utiliza ricas galletitas (cookies), si sigues navegando aceptas su uso. Saber más.Aceptar