20:30
As fillas bravas de Momán

As fillas bravas de Momán

As fillas bravas son tres mulleres que tocan e cantan o que lles peta como antes fixeron a súa nai e a nai da súa nai, porque todas son fillas do vento, mulleres de andar a pé do toxo, orgullosas de vir de tras da silveira, cantoras dunha estirpe de voces furtivas que berran entre raposos.

Con esta peza Chévere segue a explorar as posibilidades dun teatro con perspectiva de xénero para sensibilizar á sociedade frente á violencia machista e as desigualdades entre homes e mulleres. Dáse continuidade así a traballos anteriores que cuestionaron a rixidez dos xéneros (Testosterona), reivindicaron as voces silenciadas dunha forza de traballo feminina que segue levantando imperios económicos na era da globalización (Citizen), ou promoveron unha lectura crítica dos valores machistas que transmiten as cancións románticas (I’ll be watching you). Nesa liña de traballo, As Fillas Bravas veñen para reafirmar modelos empoderados de muller, vencellados a expresións culturais tradicionais que agochan berros emancipatorios e cantos de rebeldía insospeitados.

As Fillas Bravas é tamén un traballo de investigación sobre a sexualidade, as relacións de xénero e os roles da muller na sociedade tradicional que aparecen reflexados nas coplas do cancioneiro popular galego, para o que se fixo un traballo de procura, escolma e adaptación de textos de transmisión oral publicados desde a segunda metade do século XIX.

As músicas usadas no espectáculo están inspiradas en cantos tradicionais recollidos en diferentes lugares de Galicia. Entre eles, "Pandeiretada" gravada no primeiro disco de Radio Cos e "Danza de Cerdeira", gravada no primeiro disco de Leilía.

As Fillas Bravas é un espectáculo para todos os públicos, pero xa temos comprobado que ofrece un aproveitamento lúdico e pedagóxico especialmente axeitado para dos segmentos de público moi interesantes á hora de crear e formar novos espectadores:

-Rapazas e rapaces entre 14 e 18 anos. A obra ten unha montaxe moi sinxela que permite actuar en aulas e salóns de actos de calquera instituto de ensino medio ou formación profesional. Para este tipo de funcións, ofrecemos unha unidade didáctica para uso dos docentes interesados que achega moitos materiais e recursos para traballar nas áreas que fundamentan a obra, como a igualdade, a educación afectivo-sexual e a prevención da violencia machista (libros, artigos, vídeos, músicas, planes de igualdade, webs, blogs, etc.), ademais de propoñer e describir unha serie de actividades para desenvolver nas aulas. Tamén se ofrece a posibilidade de realizar un obradoiro despois de ver a obra.

-Maiores de 65 anos. A obra está protagonizada por tres mulleres maiores que provocan a empatía deste tipo de público, ofrecéndolle especialmente ás mulleres unha boa dose de autoestima. Pola sinxeleza da montaxe, a obra tamén pode adaptarse a espazos non especificamente teatrais, como centros cívicos, residencias e mesmo patios e cubertos de casas particulares. Ofrécese a posibilidade de realizar un coloquio ao rematar a función, moderado e animado por persoal especializado.
Download App iOS
VIRAL App
Download App Android