11:00
Festa da Filloa de Lestedo

Festa da Filloa de Lestedo

As xentes de Lestedo, a uns 15 quilómetros de Santiago de Compostela, resístense a rematar o Entroido, e o domingo de Piñata (o seguinte ao martes de Entroido) celebran a Festa da Filloa. O obxectivo que perseguen desde o ano 1984 é popularizar unha das sobremesas máis tradicionais de Galicia, que nas datas de Carnaval cobra especial protagonismo nas casas e nos restaurantes. Mais o evento non ten só carácter gastronómico, xa que ao mesmo tempo organizan un encontro de “xenerais”, as personaxes máis típicas do Entroido nesta zona para revitalizar outra antiga tradición da comarca do Ulla.
Desde o mediodía, o campo da festa énchese de música e de público desexoso de tomar as filloas. Elaboradas a base de fariña, auga, ovos e sal, desde hai uns anos cocíñanse nunha orixinal máquina, inventada polo pasteleiro local, da que saen unha media de 1.500 filloas cada hora, sen perda de textura nin de sabor.
Ao pregón e ao xantar séguelle pola tarde o encontro dos “xenerais”, que cos seus vistosos traxes, montados a cabalo, enfróntanse dialecticamente co recitado de coplas enchidas de sátira social, política e cultural sobre os acontecementos de actualidade.

Destacado:

Encontro de Xenerais.
Download App iOS
VIRAL App
Download App Android