17:00 hasta las 19:00
Obradoiro de Músicas Gregas e Búlgaras para a Danza

Obradoiro de Músicas Gregas e Búlgaras para a Danza

Impartido por Efrén López, este obradoiro terá lugar na Residencia de Tempo Libre de Carballiño encadrado dentro do XVIII Encontro de Danzas do Mundo.

O obxectivo deste obradoiro é a experimentación no marco das músicas pertencentes aos diferentes repertorios gregos e búlgaros a través das súas danzas tradicionais características, cubrindo un vasto espectro de patróns rítmicos, modos, interválica e estilos de ornamentación e improvisación.

Para participar no devandito obradoiro é aconsellable, aínda que non imprescindible, ter nocións básicas de solfeo.

Pódese participar con calquera instrumento rítmico ou melódico, incluída a voz.

Con antelación suficiente, farase chegar aos/ás inscritos/as o material sobre o que se traballará, co fin de poder analizalo previamente a nivel individual e deste xeito aproveitar ao máximo o tempo durante o obradoiro.

Se tedes calquera dúbida ou consulta podedes dirixirvos directamente a Efrén a través do seu correo electrónico: efren.lopez.sanz@gmail.com

EFRÉN LÓPEZ (Valencia, 1972) é músico, compositor, produtor e enxeñeiro de son especializado en instrumentos de corda da Europa medieval, o Mediterráneo Oriental, Oriente Medio e Asia Central.

Estudou zanfoña con Nigel Eaton e Pascal Lefevre, e a técnica de varios laúdes do Mediterráneo oriental e Oriente Medio con Ross Daly, Mehmet Erenler, Erkan Oğur, Daud Khan, Necati Çelik…

É fundador dos grupos Trío Petrakis/López/Chemirani, L'Ham de Foc, Evo, Aman Aman, EAR y Sabir, entre outros.

Como intérprete ten participado en numerosos proxectos con músicos de toda Europa, do mundo árabe, Turquía, Irán e India: Jordi Savall, Maria del Mar Bonet, Capella de Ministrers, Estampie, Stelios Petrakis, Ross Daly, Kelly Thoma, Faun , Daud Khan, Parvathy Baul, Luigi Cinque, Eléonore Fourniau, Sylvain Barou... Con todos estes proxectos ten actuado en festivais de todo o mundo.

Como docente imparte regularmente obradoiros de técnica instrumental (zanfoña, ud, baglama, guitarra sen trastes, rabab) e teoría (makam, música modal e enxeñería do son) en diversos centros de países europeos, Turquía e Cabo Verde.

É codirector artístico do centro Labyrinth Catalunya e asistente do Cretan Labyrinth, dirixido por Ross Daly.

INSCRICIÓN e PREZOS para o Obradoiro de Músicas Gregas e Búlgaras para a Danza::

O custe de toda a fin de semana, incluíndo o aloxamento en pensión completa, en habitacións dobres ou triplas, é de 150€ (menores de 2 a 12 anos 130€). O custe da fin de semana en habitación individual (no caso de que haxa dispoñibilidade, porque hai poucas), é de 170€.

Se se asiste como acompañante, o prezo é de 85€, para o/as neno/as entre 2 e 12 anos é de 50€ e sen custe para os/as menores de 2 anos. Inclúe o aloxamento en pensión completa podendo participar nas actividades do Encontro de Danzas do Mundo que vai ter lugar en paralelo.

Os/As socios/as da Asociación Monteira e fillos/as de socios/as teñen unha bonificación de 15€.

Número de prazas: 20. Admisión por orde de inscrición.

O prazo para anotarse remata o día 30 de abril, con preferencia de praza para os socios/as que se inscriban antes do 12 de marzo.

Para facelo, agradeceríamos que cubrades a través de internet o seguinte formulario: https://forms.gle/U5rZ7yx5TWdTU8th6

Se non dispoñedes de acceso á rede, podedes contactar con Pepe +34 666 84 64 36 e facilitarlle o DNI, nome completo, idade, teléfono e correo electrónico, se o teñen, das persoas que van ir, así como restricións na comida se as houbese (vexetariano, intolerancias, …) e información sobre o/s instrumento/s que tocades e o tempo que levades tocando. Se tedes algunha dúbida podedes tamén consultala por internet no correo electrónico monteiraencontros@gmail.com.

A reserva queda formalizada logo do ingreso do importe correspondente na conta bancaria da Asociación Monteira en Abanca, ES03. 2080.5075.12.3040022402, poñendo en concepto Obradoiro Música Carballiño e o nome da persoa anotada.

Informamos a todos/as os/as asistentes que unha persoa da organización fará gravacións e fotos xenéricas co fin de compartir cos participantes e para a divulgación das actividades da Asociación Monteira.

A inscrición no obradoiro implica a aceptación das normas aquí expostas.

Download App iOS
VIRAL App
Download App Android