21:00
Helen Keller, a muller marabilla?

Helen Keller, a muller marabilla?

Todo comeza ao descubrir os textos e o activismo político dunha muller chamada Helen Keller, nacida en Tuscumbia (Alabama), que se converte nunha celebridade mundial ao ser a primeira persoa xordocega en obter un título universitario en 1904 en Harvard. A súa vida foi fixada na memoria colectiva como un exemplo de superación e a maioría dos seus escritos acabaron rescatados como simples aforismos motivacionais. Pero investigando en varios arquivos dixitais norteamericanos fomos descubrindo outras facetas desconcertantes da súa vida: forma parte do Partido Socialista Americano, que abandona para integrarse no sindicato revolucionario Industrial Workers of the World; é unha sufraxista militante e defende o control da natalidade e o dereito ao aborto; é unha activista contra a a I Guerra Mundial e o intervencionismo norteamericano; participa nunha película muda en Hollywood; percorre Estados Unidos de costa a costa actuando no principal circuíto de vodevil; escribe unha ducia de libros, algúns dos cales son queimados polos nazis en 1933; posiciónase contra a guerra atómica e viaxa por zonas conflitivas como Xapón, Israel ou Sudáfrica defendendo o pacifismo e contra o apartheid... E o máis sorpredente, recentemente espállase polas redes sociais unha campaña protagonizada por milleiros de persoas que afirman que Helen Keller é un fake. Realmente é posible que unha das mulleres máis famosas da súa época en EE.UU. fose unha militante comunista? Pode unha muller que ten xordeira e cegueira converterse nun lider anticapitalista?

Este é un proxecto sobre a posibilidade da rebeldía e a disidencia no noso mundo. Sobre a posibilidade de ser unha muller marabillosa e ao mesmo tempo rebelde e disidente. Sobre a posibilidade de que unha muller xorda rompa o silencio social e unha muller cega abra os ollos da sociedade diante da inxustiza. Pero este tamén é un traballo sobre a linguaxe, que quere cuestionar a in-comunicación entre persoas ointes e non ointes, integrando na mesma obra a lingua falada e a lingua de signos.
Download App iOS
VIRAL App
Download App Android