20:00
Relatorio arredor do libro 'Ojos de Palestina. Segunda parte', de Anan Abdalah

Relatorio arredor do libro "Ojos de Palestina. Segunda parte", de Anan Abdalah

Relatorio arredor do libro:

“Ojos de Palestina. Segunda parte”


Relator: Anan Abdalah (médico de orixe palestina, escritor)

Interveñen: Alberto Varela Paz (alcalde de Vilagarcía), Serxio González (xornalista de La Voz de Galicia) e Anan Abdalah

Día: luns, 17 de xuño de 2024

Hora: 20:00

Lugar: salón de actos do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia (rúa de Benito Corbal, 45; soto. Entrada por rúa de Javier Puig)




O Ateneo de Pontevedra organiza un relatorio arredor do libro Ojos de Palestina. Segunda parte, do médico de orixe palestina Anan Abdalah, publicado pola editorial Círculo Rojo.

A actividade terá lugar o vindeiro luns, 17 de xuño, ás 20 horas, no salón de actos do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia da rúa Benito Corbal. O autor estará acompañado por Alberto Varela Paz e Serxio González.

A entrada é libre ata completar capacidade.



Da obra

Ojos de Palestina é unha aproximación histórica, persoal e sentimental á historia do pobo palestino e Palestina. Histórica, porque se contan algúns dos acontecementos clave ocorridos ao longo da súa historia, que nos axudan a coñecer e entender mellor o seu pasado e o seu presente; persoal, porque se narran as vivencias persoais de seres humanos de carne e óso (Hassan e a súa familia, en concreto) ao longo de varias xeracións, que nos axudan a comprender o sufrimento do pobo palestino ao longo do seu devir histórico e o seu cotián día a día, a miúdo ensombrecido polos grandes feitos mediáticos que puntualmente nos golpean informativamente; e sentimental, porque, ao ler esta obra, resulta imposible manterse afastado dos feitos que se viviron nese espazo xeográfico durante o último século e non verse conmovido, como o autor, interpelado polo que alí ocorreu e segue día a día ocorrendo, coa incapacidade e a impotencia, cando non a aquiescencia, da comunidade internacional e as grandes potencias mundiais como protagonistas dos feitos.

Trátase, en definitiva, dunha feroz pero documentada crítica a quen, por acción ou por omisión, ocasionaron ou permitiron o sufrimento do pobo palestino na súa propia terra durante longos anos e ata os nosos días. E é tamén unha mostra de solidariedade coas vítimas dunha inxustiza intencionada e programada.


Sobre Anan Abdalah

Nacido en Nablus, localidade ao norte de Xerusalén, en 1954. Alí realizou os seus estudos primarios e preuniversitarios, trasladándose a España en 1972, definitivamente. Estudou Medicina na Universidade de Santiago de Compostela e doutorouse en Estomatoloxía pola Universidade UCMMA en República Dominicana. Exerceu a medicina tanto na área pública como na privada durante 33 anos en España, onde reside desde 1972.

Anan Abdalah é autor dos libros Ojos de Palestina (primeira e segunda parte) nos que conta a súa visión do conflito con Israel, e que terá a súa continuidade en forma de triloxía a modo de novela histórica.



COLABORA: Xunta de Galicia.

Download App iOS
VIRAL App
Download App Android