Unha exposición para pór en valor a mulleres da nosa historia que foron invisibilizadas.
O papel das mulleres sempre estivo esquecido, ocultado ou relegado a un segundo plano ao longo da historia. Poder coñecer e pór rostro a diferentes mulleres decisivas do Reino da Galiza é fundamental para coñecer a nosa historia medieval. En MAOS innovación Social S Cooperativa Galega, unha empresa de economía social comprometida coa cultura de proximidade como medio de transformación social, emprenderon un proxecto divulgativo para dar a coñecer a historia e o pasado de Galiza a través da arte e con perspectiva de xénero. Deseñaron un cartafol con dez láminas no seu interior, cunha edición coidada, de gran calidade a nivel artístico, que nos achega á nosa historia de forma amena e sinxela, afastándonos dos textos académicos pero sen perder a veracidade histórica.
Escolleron diferentes episodios do pasado medieval do país que xiran ao redor da figura de diferentes mulleres destacadas do medievo galego: Ilduara Eiriz, Sancha I, Dona Urraca, Lupa Pérez de Traba, Tareixa Alfonsez, Maior Guntroda Rodríguez, Sancha II, Aldonça I, Inés Pires de Castro, María Castaña e María, a Balteira. Estas láminas foron ilustradas por diferentes artistas galegas, achegándonos á historia a través da arte e, en varios casos, pondo cara por primeira vez a moitas destas mulleres. Ademais, contan no reverso con textos biográficos sobre os acontecementos máis relevantes da vida de cada unha das protagonistas, correspondentes á representación artística da face dianteira.
O matiz de xénero vese acentuado ao contar coa colaboración de cinco destacadas artistas contemporáneas da Galiza. Elas son: Iria Fafián (1988), muralista e ilustradora, coñecida polos seus proxectos de caixas de luz; Laura Romero (1991), ilustradora, urban sketcher, presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) e baixista de Zënzar; María Montes (1987), auxiliar de veterinaria e ilustradora
merecedora do premio ao Mellor Libro Ilustrado na Gala do Libro Galego 2020; Nuria Díaz (1982), que conta cunha fonda traxectoria en diferentes ámbitos da ilustración e encargas moi diversas, desde traballo editorial até ilustración de produto; e Minia Regos (1983), muralista e ilustradora, que ademais imparte obradoiros ao redor da lectura e da arte. Elas encargáronse de plasmar nas láminas as mulleres destacadas do medievo galego. Cada unha ilustra dúas das láminas deste cartafol. Partiron dunha selección ampla de mulleres medievais, a partir da cal cada artista fixo unha selección sobre as figuras que máis lle interesaba representar.
Desta forma, cunha biografía e as poucas imaxes que existen ao redor destas mulleres, comezou o proceso artístico, con total liberdade creativa para desenvolver as ilustracións, baixo o seu punto de vista, mostrando unha interpretación persoal da historia medieval, conseguindo un resultado rico e variado, en canto ao estilo e a estética das láminas.
A raíz deste proxecto, a Deputación da Coruña encargou esta exposición, “Mulleres do medievo galego”, para interiores que consta de 21 paneis, o primeiro introdutorio e o resto son dez láminas ilustradas e os 10 respectivos textos.
Esta exposición, como todas as actividades do programa “Agra no Ágora” son de acceso libre e gratuíto; o programa está financiado polo Concello da Coruña e deseñado en colaboración coa Asociación veciñal Agra.
Prezo: de balde
Organizadora: Asociación veciñal, cultural, deportiva e recreativa do barrio da Agra do Orzán "Agra"
Contacto: agra@galizacultura.gal
VIRAL utiliza ricas galletitas (cookies), si sigues navegando aceptas su uso. Saber más.Aceptar