N/D
Semana Santa de Santiago de Compostela

Semana Santa de Santiago de Compostela

Para a Unesco, Santiago de Compostela é “unha cidade ideal que desborda á vez historia e intemporalidade”. Foi declarada en 1985 Patrimonio Cultural da Humanidade ao considerar que a súa beleza urbana e integridade monumental se engadían aos profundos ecos da súa significación espiritual como santuario e destino da maior peregrinación da Cristiandade entre os séculos XI e XVIII: o Camiño de Santiago.
A historia compostelá e os seus escenarios outorgan á conmemoración da Paixón de Cristo un esplendor único e unha solemnidade incuestionable. A excepcional paisaxe granítica, ateigada de torres, balcóns, volutas e gárgolas, imprime espectacularidade e dramatismo ao paso das procesións na escuridade, en especial ás máis tardías, no cabo da medianoite, e ás de carácter penitencial, que avanzan cortando a néboa e marcando o paso sobre a pedra húmida.
Trece confrarías compostelás, algunhas de moi antiga orixe, percorren a cidade histórica en 17 procesións, de Domingo de Ramos a Dominica in Albis, acompañadas polo son ferinte das cornetas e o ritmo grave dos tambores, cuxo eco repiten as rúas de pedra baixo a luz ámbar dos farois.
A Semana Santa de Santiago de Compostela comprende máis dunha semana de procesións, actos litúrxicos e concertos de música sacra e antiga, así como a oportunidade de penetrar na intimidade das igrexas e conventos e gozar da tradicional gastronomía de Coresma.

Destacado:
A visita ás igrexas monumentais, abertas coa ocasión da Semana Santa en horarios non habituais e para a celebración de concertos de música sacra e espiritual.
Download App iOS
VIRAL App
Download App Android