12:00
Filipa cos contos

Filipa cos contos

Unha sesión "filipante" de contos para toda a familia. Historias tradicionais, música e humor repártense entre os dous contadores que soben a escena: o actor Fran Campos e a súa amiga Filipa, que dará un valor engadido ás historias de carácter tradicional: a súa experiencia. Pero ollo, que non son uns contos calquera. Entre eses contos haberá tamén historias cantadas. Haberá historias e xogos de palabras feitas cancións. Historias non só do noso entorno máis próximo, senón tamén doutras terras. Contos "filipantes", acompañados dunha guitarra. Fran Campos e Filipa, os dous e cadaquén ao seu xeito, farán posible unha sesión para todos os públicos. Tanto nenas e nenos como maiores poderán gozar, aprender, reflexionar… desde as súas distintas visións dos contos populares.

Bandullo Azul é unha compañía de clown que naceu en 2012, formada polos actores e cómicos Fran Ameixeiras e Fran Campos e homenaxeando co seu nome ao mítico pioneiro dos monicreques galegos Barriga Verde.

Fran Campos formouse en escolas de teatro, así como en obradoiros e clases maxistrais con mestres e mestras como Leo Bassi, Claudia Contín, Anton Valén, Jos Houben… Ademáis de ser membro fundador de Bandullo Azul, leva máis de dez anos e 300 funcións co Padre Merino, un espectáculo no que se mesturan o clown, o bufon, maxia, música… Fran Ameixeiras tamén se formou con artistas de prestixio como Carlo Colombaioni, Blanca del Barrio ou Eric de Bont, participou da creación do GTO 100Tolas e percorreu os escenarios do país co seu alter ego, o pallaso Mentalini.

Como compañía, estreáronse con unha versión clown da historia de Robinson Crusoe, A verdadeira historia de Robinson Crusoe e Venres, dirixida polo actor, cómico e director Evaristo Calvo, quen repetiu dirección no segundo espectáculo da compañía, PLAY: historia de Maestro & Pupilo, de creación propia. Bandullo Azul ten participado en varios festivais de teatro e clown tanto en Galicia como en Portugal, subíndose aos escenarios e actuando a pé de rúa.
Download App iOS
VIRAL App
Download App Android