20:00
Dous no camiño

Dous no camiño

Dirixida por Avelino González, a partir de textos de Roi Vidal e Xurxo Barcala, e cos cómicos Fran Rei e Isabel Risco á fronte, Dous no Camiño foi creada especificamente para a programación do Xacobeo Vive o Camiño 2017.

Nesta montaxe, dirixida a todos os públicos e cunha posta en escena moi sinxela, revísanse tres das lendas xacobeas máis populares: a de Roldán, o cabaleiro francés, a da barca de pedra de Muxía e a traslatio do Apóstolo Santiago a Compostela. Sempre en ton cómico, mais mantendo a esencia destas historias máxicas e con total respecto, Dous no Camiño pretende ser un divertido e sinxelo achegamento ás lendas xacobeas, facendo especial fincapé nas raíces galegas das mesmas.

Ao longo dos 70 minutos de espectáculo, Isabel Risco e Fran Rei, de inicio unha peregrina e un peregrino de personalidades ben distintas e que se atopan accidentalmente nun punto do camiño, vanse transformando en tod@s @s personaxes que protagonizan estas lendas: o cabaleiro Roldán, as irmás mouras, o Apóstolo Santiago, a Raíña Lupa e, moi especialmente, Teodoro e Atanasio, aloucados e divertidos discípulos do Apóstolo.

En resumo, dous cómicos ao servizo dun espectáculo cómico ao redor das lendas xacobeas para gozar dunhas historias marabillosamente incribles.
Download App iOS
VIRAL App
Download App Android