12:45
Desfile de Entroidos Tradicionais de Galicia

Desfile de Entroidos Tradicionais de Galicia

Sen ter que agardar ás datas do Entroido do próximo ano e sen ter que viaxar ata cada un dos concellos participantes. Unha ocasión excelente para poder gozar de sete dos Entroidos declarados Festa de Interese Turístico de Galicia (Vilaboa, Manzaneda, Verín, Viana do Bolo, Xinzo de Limia, Vilariño de Conso e Xenerais da Ulla) e outros nove entroidos invitados, que nesta edición serán os Volantes de Chantada, as Bonitas de Sande (Cartelle), os Vergalleiros de Sarreaus, os Vellaróns de Riós, o Entroido de Samede (Paderne), os Galos da Mezquita (A Merca), os Follateiros (Lobios), os Madamitos e Madamitas de Entrimo, e os Cabreiros (Muíños).

Unha oportunidade única de ver os mellores Entroidos de Galicia ao mesmo tempo e nun único lugar. Todos xuntos e desfilando pola incomparable contorna de Santiago de Compostela. O desfile partirá ás 12:45 dende a Praza do Obradoiro e discorrerá pola zona monumental da cidade.

O punto de partida é a Praza do Obradoiro. Nesta praza e dende as 10:30 horas, Dj Mil ambientará a espera cunha mestura de música tradicional galega e novos sons da World Music.
A hora de comezo do desfile é a unha menos cuarto para, dende o Obradoiro, percorrer as rúas de Fonseca e do Vilar, Praza e Cantón do Toural, rúas Nova e de Xelmírez, Cinco Rúas, Rúa do Preguntoiro, Praza de Cervantes, Rúa da Acibechería e Praza da Inmaculada, e rematar de novo na Praza do Obradoiro.

Lembra a túa cita: a mellor oportunidade para coñecer cigarróns, volantes, xenerais, pantallas, boteiros, bonitas, galos, madamas e galáns e outras personaxes do Entroido que nos farán gozar dunha xornada chea de cor, música e diversión.
Download App iOS
VIRAL App
Download App Android