O entroido nigranés rematará a tarde do sábado 4 de Marzo co tradicional enterro do kiko de Parada que, unha vez máis, partirá desde a Casa do Concello para ser velado e sentenciado no Torreiro de Parada, onde haberá festa durante toda a tarde-noite. Esta peculiar celebración naceu da man do Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor como alternativa ao típico ‘Enterro da Sardiña’, xa que a parroquia non ten mar pero si presume de múltiples galiñeiros con "kikos" (ata o punto de que é a figura que representa á entidade). Ao longo de preto dunha década de vida foi adquirindo sona na localidade e, o que comezou como unha festa entre veciños, é hoxe en día un evento de referencia no municipio ao incluír o Concello hai 8 anos a saída da comitiva desde o Auditorio Municipal.
VIRAL utiliza ricas galletitas (cookies), si sigues navegando aceptas su uso. Saber más.Aceptar