17:30 hasta las 19:30
Pontevedra: O amor non é suficiente… ser pai e nai require o gran desafío de mirarse a un mesmo -III

Pontevedra: O amor non é suficiente… ser pai e nai require o gran desafío de mirarse a un mesmo -III

Rematamos cun obradoiro de 3 sesións en Pontevedra cunha actividade do "PROGRAMA DE PREPARACIÓN, APOIO E ACOMPAÑAMENTO ÁS FAMILIAS ADOPTIVAS E ACOLLEDORAS" a cargo de Nerea Larumbe e que leva por título:

O AMOR NON É SUFICIENTE... SER PAI E NAI REQUIRE O GRAN DESAFÍO DE MIRARSE A UN MESMO, PARA PODER ENSINAR

Cando unha nena ou un neno irrompe na nosa vida vólvenola do revés. Recolócanos. Obríganos a mirar no noso interior doutro xeito, facendo que ser nais e pais sexa unha aventura marabillosa e á vez un desafío constante. Cando este neno ou nena ademais procede da adopción ou do acollemento, pode levar un engadido de vivencias traumáticas que deixa consecuencias que hai que coñecer e afrontar. E de súpeto, ese desafío de mirarse cara a dentro e entenderse convértese nun imprescindible. Que nos ocorre cando o noso fillo ou filla sofre ou responde de maneira desproporcionada a algo? E cando se enfada ou se encerra en si mesmo e non nos deixa axudar? Como me sinto cando o vexo tan illado ou pola contra, tan dependente? Como afronto a súa dor e negación ante a súa historia? Como de capaz me sinto de axudalo cando non entendo o que lle pasa? Falar e profundizar en todo iso é imprescindible para poder acompañalo na reparación do vínculo e no desenvolvemento da súa resiliencia.

Eles e elas agradeceranche: • Que poidas escoitalos, falar menos, e comprendelos sen xulgalos. • Que empatices con eles e desde pequenos lles axudes a poñer palabras ás súas emocións. • Que entendas que ás veces non poderán facer as cousas tan ben como quererías e que necesitan que os acompañes, sexa á idade que sexa. • Que poñas límites desde as súas necesidades, para aprender a regularse, non límites extremos desde o teu enfado ou medo a perder o control. • Que respectes a súa intimidade. • Que respectes e empoderes as súas ilusións e intereses, aínda que sexan diferentes ás túas. • Que deixes que se equivoquen sen xulgalos. • Que te equivoques e saibas pedir perdón, validando as súas emocións. • Que os queiras independentemente dos seus actos.

Non é tarefa fácil, verdade? Anímaste a adicarte un espazo para revisarte e empoderarte?

No próximo obradoiro de 3 sesións daremos espazo para escoitarnos e mirarnos. Desde un espazo seguro, falaremos das bases do apego, a mentalización e a regulación emocional, profundizando en ferramentas e actividades para entendernos e así sentirnos máis capaces de ver o que os nosos fillos e fillas necesitan.

A cargo de: NEREA LARUMBE Licenciada en Psicoloxía na Universidade Autónoma de Barcelona en 2010. Ao longo da súa experiencia como profesional, especializouse en psicopatología clínica infantojuvenil, psicoloxía de adultos e en Traumaterapia infantil sistémica, en IFIV. Tendo formación especializada en emerxencias e na elaboración de situacións traumáticas. Paralelamente, colabora como docente en diferentes entidades como a Universitat Oberta de Catalunya (UOC), a Fundació Pere Tarrés, así como diversas asociacións de familias adoptivas como AFNE (Asociación de Familias de Nenos e Nenas de Etiopía) e IMA (Amics dels Infants do Marroc) ofrecendo diferentes formacións vinculadas á infancia.

DATA: 06/07/23 HORA: 17:30 - 19:30 LUGAR: Casazul: Sala Valdecorvos. Andar 2. Rúa de Sor Lucía, 2. Pontevedra

Coma sempre podedes convidar a quen queirades.

ESPERÁMOSVOS!!!!

Ese mesmo día tamén ofrecemos un espazo de información e acompañamento onde calquera familia, independentemente do momento do proceso no que se atope, poderá facer calquera consulta ou resolver calquera dúbida. O horario de atención é de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. Precísase solicitar cita previa en manaia@manaia.gal ou no 688 927 124.

Lembrade que todos os 1º xoves de cada mes estaremos en Pontevedra.

Actividades de balde abertas a todas as familias adoptivas e acolledoras ou en espera de adopción ou acollemento, sexan ou non socias de MANAIA.

Un saúdo

Actividade cofinanciada pola Xunta de Galicia

Download App iOS
VIRAL App
Download App Android