12:00
A viaxe feliz de Ramón Sanfiz

A viaxe feliz de Ramón Sanfiz

Ramón Sanfiz, aventureiro e percusionista dunha orquesta de baile da mariña, disponse a percorrer un novo itinerario co seu tríciclo. No encontro co público cóntalle a viaxe que realizou desde a súa vila natal ata San Andrés de Teixido engarzando as diferentes historias que aprendeu dos habitantes que se foi topando polo camiño. Para a narración apoiarase en diferentes técnicas do teatro de rúa: a música, os títeres, os romances de cego, o limberjack e o Kamishibai.

Galicia de Francisco Fernández del Riego é un libro de crónica de viaxes por todo o noso país. Nel o autor traza unha ducia de itinerarios singulares que son percorridos polo seu alterego Ramón Sanfiz, un nome co que o autor fai unha dobre homenaxe: por un lado ao seu mestre literario Ramón Otero Pedrayo e por outro, a súa vila natal Vilanova de Lourenzá, cuxo lugar fundacional é a aldea de Sanfiz.

Desa ducia de percorridos centrámonos só nun, no roteiro que comeza en Lourenzá e vai ata San Andrés de Teixido. Quizás porque é o que Fernández del Riego descrebe con máis ledicia por ser o que comeza no seu lugar de nacemento e porque a través del rememora a romaxe que realizou sendo un mozo na compaña dos seus pais. Ademáis de Vilanova esta viaxe percorre os concellos de Mondoñedo, Valadouro, Viveiro, Ortigueira, Cariño e Cedeira e deles o autor descrebe algúns dos seus elementos xeográficos, paisaxísticos, históricos e culturais sen esquecer dar algunhas notas gastronómicas.

Deste percurso xurdirán as diferentes historias que se contarán que, sen ter unidade temática nin temporal, estarán enfíadas pola relación cos concellos polos que Ramón Sanfiz transcorreu co seu tríciclo. Apoiado en Alvaro Cunqueiro contaráse a orixe dos sobrenomes “Os do páxaro” e “Os da Paula” cos que se coñece aos habitantes de Lourenzá e Mondoñedo; recitarase a modo de cantar de cego o romance tradicional da Torre da Frouseira sita no Valadouro; lembrárase a estrana relación de Viveiro e Muras coa China, representando con títeres chineses un conto tradicional de oriente; interpretaráse a lenda da Moura da Serra Faladoira cun “limberjack”, títere percutivo da tradición celta e cun kamishibai narrárase a historia de Dona Gelda, un dos romances máis propios do folclore relacionado coa romaxe a San André de Teixido.
Download App iOS
VIRAL App
Download App Android