20:00
O porco de pé

O porco de pé

O PORCO DE PÉ: Teatro de fenómenos

Porco, o animal totémico dos cocidos e dos entroidos, toma os teatros para amosar a súa superioridade sobre os seres humanos. O que presenta Excéntricas é un teatro de barracón, aquel que, na infancia, nos fascinaba e nos asustaba a partes iguais. Un farol mortizo, un chan de serrín, unha cortina vermella e, de súpeto, aparece o porco en elegante pose de equilibrista a sosterse sobre os pés, a finxirse un ser humano con tanta graza, que resulta imposible distinguilo.

Vai para cen anos, Vicente Risco detectou unha nutrida presenza porcina vestida con elegantes abrigos e chapéus a confundirse cos propios burgueses. Descobreu que estaban entre NÓS! A divertidísima sátira do ourensán, a medio camiño entre o circo, o barracón, os fantoches e o cabarete, ten hoxe mais vixencia que nunca. Nesta viaxe á fascinante década do 20 do século XX, pasarán, como nunha linterna máxica, anarquistas, capitalistas, agraristas, proxenetistas, golpistas, vangardistas, caciquistas, cupletistas, mentalistas, futuristas, e budistas.

Producións Teatrais Excéntricas inventa, para reinventar este retrato de NÓS, un teatro de fenómenos cheo de monstros de barracón. Unha sucesión de grotescos personaxes, caricaturescos como marionetas, representan dende os principios da farsa popular, a aguda visión do miope Risco. Unha historia de corrupción política e de amor, pasada polos espellos deformantes do parque de atracción.

A estrea mundial d’O PORCO DE PÉ foi o 31 de marzo de 2022 no Teatro Principal de Ourense. En menos dunha semana, cerca de 2.000 persoas aplaudiron o esforzo dos artistas, maravillados da capacidade de transformación e multiplicación que exiben. Ao final, só saen três a agradecer os aplausos, mais polo escenario pasaron Madame Blavatski, o Elocuente Pregoeiro, o Porco Celidonio, Baldomero García, o Alfaite Nogueira, Dona Nicasia, O Doutor Alveiros, os cabezas parlantes Outeiriño e Forcadela, o Advogado Barbeito, Lolita Piné, os Siameses de Ventosela, Suso e Clodomiro, o Conde, a Venus Victrix, as Criaturas Soñadas (o Anarquista, a Porca Vingativa, o Niilista, a Fascistoide, o Matachin Bolchevique) a Tenista Celidonia, Miguel Primo de Rivera, a Muller-Araña, o Demo e xentes que van á homenaxe a Don Celidonio.

O Caleidoscopio de Risco pasado polo Barracón de Excéntricas!
Download App iOS
VIRAL App
Download App Android