11:30
Sábado 21 - OURENSE - A saude mental dende varias perspectivas

Sábado 21 - OURENSE - A saude mental dende varias perspectivas

Temos o pracer de presentarvos outra actividade de sábado do "Programa de preparación, apoio e acompañamento ás familias adoptivas e acolledoras" que terá lugar no Centro Cívico de A Ponte en Ourense o vindeiro sábado 25 de novembro co título:

A SAUDE MENTAL DENDE VARIAS PERSPECTIVAS

A cargo de MELANIA BECEIRO RICO Psicóloga Clínica e Terapeuta Familiar. Actualmente traballo na Unidade de Saúde Mental Infanto-Xuvenil da área de Ferrol. Desde hai anos colaboro co Programa de avaliación e tratamento de menores en situación de risco e desamparo da Universidade da Coruña.

e TAMARA MÉNDEZ FERNÁNDEZ, Socia de Manaia, familia na espera, Xefa de Sección de Clínica Forense do Imelga de Ourense e apaixoada da vida, porque esta charla vai diso, de vivir e de tentar comprender á xente que xa non sabe como facelo.

CHARLA: Diferentes mapas da crianza, diferentes realidades das nosas nenas, nenos e adolescentes 11:30 a 14:00 Sala 7 Imos partir da premisa de que non podemos abarcar a realidade na súa totalidade, e por tanto teremos que elixir que mapa imos utilizar para tratar de entendela e navegar por ela. A crianza de nenas, nenos e adolescentes, especialmente aqueles que foron vítimas de neglixencia parental ou abusos, é un reto (quizais un dos retos máis humillantes emocionalmente) e debemos ter claro que mapa (ou mapas) estamos a seguir para chegar a bo porto. Os nosos menores merécense que sexamos uns bos capitáns de barco, que saibamos navegar en tempestades e aproveitar os ventos favorables. Para iso imos tratar de entender como o desenvolvemento dos nenos e adolescentes é unha urdimbre de fíos entre as bases orgánicas e as dinámicas familiares (entre outras moitas hebras). Saltaremos dun mapa a outro para ter unha visión flexible e interconectada da crianza e de que podemos facer como adultos na vida destes nenos para darlles o mellor dos escenarios para crecer e desenvolverse. O noso compás sempre será o afecto, xa que se hai un piar fundamental para a “reparación” é o amor incondicional, piar que aínda que necesario é probable que non sexa suficiente.

XANTAR/PICNIC 14:00 a 16:30 Sala 7 Ao remate da 1ª parte, como vén sendo habitual en MANAIA, faremos un Xantar/Picnic onde compartiremos os alimentos que cada quen teña a ben levar (tendes que traer todo: o xantar, a bebida, o menaxe e, se vos apetece, o café).

OBRADOIRO: "Só quería chamar a atención" Falemos de tabúes, desmontemos mitos 16:30 a 19:30 Sala 7 Neste obradoiro falaremos dun téma tabú, que pouco a pouco comeza a facerse máis presente, a conducta autolítica, que engloba: a ideación suicida, os intentos suicidas, e incluso as conductas autolíticas que non teñen como finalidade causar a morte da persoa que as leva a cabo. Por outra banda, tentaremos desmontar mitos tan arraigados como o de “Só quería chamar a atención”, esquecendo que chamar a atención é sinónimo de pedir axuda; ou comprender onde pode estar a orixe de certas conductas pouco saudables... Pretende ser unha tarde de debate, na que se exporán algunhas cuestións teóricas, pero que vai dirixida principalmente a responder dúbidas arredor destas dúas grandes cuestións.

LUDOTECA De 11:30 a 14:00 e de 16:30 a 19:30 Servizo de ludoteca de balde, pregámosvos que enviedes un correo a manaia@manaia.es confirmando a asistencia das vosas fillas/os, poñendo os seus nomes e idades. Para os menores de tres anos é obrigatorio enviar un correo confirmando asistencia, coa fin de contar con persoal axeitado.

Actividade de balde aberta, na súa primeira parte, a todas as familias adoptivas ou acolledoras, en espera de adopción ou acollemento e as persoas interesadas, sexan ou non socias de MANAIA. As persoas non socias poderán participar da 2ª parte se consiguen ser convidadas por unha familia socia

ESPERÁMOSVOS!!!!

Un saúdo

Actividade cofinanciada pola Xunta de Galicia.

Máis información en http://www.manaia.gal/ - https://www.facebook.com/adopcionmanaia - manaia@manaia.gal - 688 927 124

Download App iOS
VIRAL App
Download App Android