Vía Morta pretende ser, máis que un espectáculo teatral, unha experiencia a través do teatro. Unha montaxe teatral que pretende traer a realidade dos refuxiados e refuxiadas ao público de Galicia a través dunha proposta que converte ao espectador nun refuxiado máis.
A obra denuncia a traxedia que as políticas migratorias da UE están a provocar. O teatro non pode permanecer impasible ante a deliberada política de esquecemento á que as persoas refuxiadas son hoxe sometidas.
Este espectáculo fálanos sobre a triste situación dos millóns de refuxiados e refuxiadas aos que, aínda hoxe, a Unión Europea pecha as súas portas. Agora que as persoas que, fuxindo da guerra, do terrorismo, de tiranos ou da fame, cruzan o Mar Mediterráneo xa non son noticia e deixaron de aparecer nos medios de comunicación, a nosa montaxe pretende achegarnos á súa realidade e denunciar a hipocrisía dunha política comunitaria que vulnera principios básicos da lexislación internacional obrigándoos a vivir en miserables campamentos máis aló das súas fronteiras, cando podería acollerlles e darlles o refuxio ao que teñen dereito Vía Morta adentra ao público –literalmente– nun campo de refuxiados e refuxiadas, onde unha médica siria – interpretada por Anabell Gago - agarda poder seguir a súa viaxe ata Alemaña, onde agarda atoparse co seu fillo e netos. Pero o tren nunca acaba de chegar a esta vía morta e os refuxiados e refuxiadas comezan a desesperarse. Un pallaso –Iván Prado– dunha entidade de cooperación galega chega ao campamento e, ante a atenta e desafiante mirada do policía de fronteira –interpretado por Fran Rei–, realiza a súa performance clown para os nenos e nenas que están dentro do valado de arame. Asemade, aparece a mirada inocente, pero crítica, dunha nena –personaxe de Rocío Salgado– que non entende o que está a acontecer.
Este proxecto, a través do teatro social, o compromiso político e o clown, pretende resignificar a crueza do real nunha experiencia poética compartida que sirva de reflexión e manteña viva a conciencia colectiva sobre o tema do refuxio.
VIRAL utiliza ricas galletitas (cookies), si sigues navegando aceptas su uso. Saber más.Aceptar