20:00
Poetas di(n) versos

Poetas di(n) versos

Este luns teremos o último recital desta 15ª edición de POETAS DI(N)VERSOS!

A vosa última oportunidade de escoitar o mellor da poesía de Galicia e do resto do mundo terá lugar este vindeiro día 10 de xuño, coma sempre no Ágora ás 20h.

E, relembrando a vez na que tivemos connosco a hoxe Premio Reina Sofía de Poesía Piedad Bonnett, volvemos ter connosco unha magnífica poeta colombiana, neste caso ao carón dunha pontevedresa.

Serán Andrea Cote e Lorena Conde quen poñan o ramo á programación de poesía do Concello da Coruña, dúas poetas capaces de resignificar dende o corpo ata os espazos con toda a sutileza da que é capaz a palabra.
Lorena Conde busca os pasadizos entre a literatura, a dramaturxia a pé de escena, a dirección de teatro, a interpretación escénica e as artes plásticas.

Gañou o XVIII Premio de poesía Miguel González Garcés con Entullo (2017), o seu primeiro poemario. Foi galardoada tamén co III Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil pola novela Velloucas & Minchas (2020), co XXXVI Premio de poesía Cidade de Ourense polo poemario As puntas da louza. Cancioneiro de labor (2022) e co I Premio de Poesía Filomena Dato polo poemario Ave do Paraíso (2021).

En 2024 concédeselle o Premio Follas Novas do Libro Galego por Festas de gardar. Díptico para a resistencia.

Tamén é autora do poemario O perfil da boca (2020) e os textos de teatro Santa Inés (2019) e As mil vidas de Dorotea (2021) e participa en escolmas como Entre Leiras e Labores. Antoloxía verbo-visual de autoras galegas baixo a edición de Inma Doval-Porto (2022) ou Así fala Penélope (Unha antoloxía de xénero) con edición de Marta Dacosta (2022).

Andrea Cote (Barrancabermeja, 1981) estudou Literatura na Universidade dos Andes e é doutora en literatura hispanoamericana na Universidade de Pennsylvania. É poeta, ensaísta, tradutora e mestra de escritura creativa na Universidade de Texas en El Paso.
Entre a súa obra lírica destacan títulos como Puerto Calcinado (2003), Cosas Frágiles (2008), La Ruina que Nombro (2015), En las praderas del fin del mundo (2019), o libro-obxecto Chinatown a toda hora (2017) e o volume que recolle a súa poesía: Fervor de tierra, publicado este mesmo ano 2024. Destacan tamén títulos da súa obra en prosa, como Una fotógrafa al desnudo: biografía de Tina Modotti (2005) ou Blanca Varela o la escritura de la soledad (2004).

Entre os premios cos que foi galardoada pola súa obra están o Premio Nacional de Poesía da Universidade Externado de Colombia do ano 2003, o Premio Internacional de Poesía Puentes de Struga do 2005, o International Latino Book Award de 2020 á mellor antoloxía poética e o Premio Cidade de Castrovillari de 2010 pola versión italiana de Puerto Calcinado: Porto in Cenere.

A súa obra está traducida ao italiano, francés, alemán, catalán, portugués, macedonio, ruso, chinés e un longo etcétera, ademais de ser ela mesma tradutora de autores como Jericho Brown, Kahlil Gibrán ou Tracy K. Smith.

Poderá seguirse por streaming, haberá folletos conmemorativos e tamén libros ao dispor por se quixésedes levar unha sinatura.

Acompañádenos antes da pausa estival!

Download App iOS
VIRAL App
Download App Android