23:00 hasta las 19:00
Festa da Ostra de Arcade

Festa da Ostra de Arcade

Un dos máis famosos escritores galegos, Álvaro Cunqueiro, dixo: “A ostra é un manxar esencial para abrir unha mariscada. Ten un sabor espiritual, que é como unha saudade do mar”. Máis de 25.000 persoas confírmano cada ano en Arcade, onde a ostra ten o sabor das augas da desembocadura do río Verdugo.

Grazas aos seus produtores, que foron pioneiros en comercializar e exportar este cotizado marisco nos mercados españois e europeos, desde 1987 celébrase unha festa das máis afamadas e concorridas da comarca de Vigo, coa que se promociona o consumo dun produto esencial na economía desta vila.

A ostra é consumida todo o ano, cociñada ou crúa -o xeito máis común- mais a mellor época para a súa degustación é, precisamente, o mes de abril. Sexa polo seu suposto poder afrodisíaco ou polo ben que entra o viño branco co que se acompañan, o certo é que durante este encontro se reparten máis de 100.000 unidades de ostras.

Na carpa montada no peirao de Arcade decenas de persoas afánanse en abrir ostras, con especial mestría, cun coitelo curto e largo, no momento de ser servidas para consumilas en cru e con limón. Mais nas casetas, que se abren o sábado, tamén se venden racións de empanada de ostras ou ostras en escabeche, botellas de albariño de Soutomaior...

Fogos artificiais, actividades de animación infantil, pasarrúas e actuacións musicais completan un programa festivo que abrangue toda a fin de semana.
Download App iOS
VIRAL App
Download App Android