O venres 13 ás 18:30 terá lugar a primeira representación para público familiar. Pedras de cartón, baixo a dirección de Pablo Sánchez e Laura Sarasola, e coa interpretación de Xosé Manuel Esperante, Xosé Vilarelle e Juan Rodríguez mostrarán o Lázaro de Tormes, un espectáculo baseado no coñecido clásico da literatura, por primeira vez contado case sen palabras. Un espectáculo para toda a familia narrado en clave de comedia a través dun coidado traballo de máscaras. No espectáculo dáse forma a cada unha das pasaxes máis coñecidas desta universal historia da picaresca española. Unha maneira de introducir o amor polo teatro clásico ás máis novas e aos máis novos da casa. Unha boa parte da crítica ve o Lazarillo de Tormes como unha das primeiras novelas modernas da literatura española. A súa modernidade reflíctese na evolución das personaxes ao longo do texto e no emprego de escenarios coñecidos polas lectoras e lectores, situados nos arredores de Toledo e Salamanca. O Lazarillo de Tormes amosa tamén unha realidade lonxana da sociedade ideal que nos descubrían os libros de cabalerías, tan de moda a mediados do século XVI. Ten unha duración de 50 minutos.
VIRAL utiliza ricas galletitas (cookies), si sigues navegando aceptas su uso. Saber más.Aceptar