Donas e cabaleiras, señoras e señores, picarada toda… Benvidas ao concurso sobre a lingua onde apañamos as palabras coma se fosen berberechos, onde o rotacismo forma parte da banda sonora e o seseo nos ha facer viaxar entre valumada . Se non oístes falar do cínefre, ou non sabedes o que é un día de garabullos, se nunca se pousou en vós unha lagáchima, andade atentas! Abride ben os ouvidos e deixádevos levar por esta música de salitre. Remangade ben o pantalón, que para apañar palabras é preciso mollar os pés! Preparádevos para recoller eses vocábulos que case nunca medran nos libros. Se queredes saber o que significa rilla-rilla, poñede atención…
Rilla-rilla é un espectáculo de pequeno formato dirixido a todos os públicos, que tenta pór de manifesto a variedade dialectal do noso idioma. A través do relato irémonos mergullando nun mundo de rotacismos, un lugar con idiosincrasia propia que estivo aí sempre e ao que poucas veces lle poñemos atención. As ondas e o salitre hannos levar ao lugar das palabras esquecidas. Rilla-rilla é un espectáculo dinámico onde o público pasa a ser protagonista desde o primeiro momento.
VIRAL utiliza ricas galletitas (cookies), si sigues navegando aceptas su uso. Saber más.Aceptar