20:00
INAUGURACIÓN | Corpo permeable / Corpo insubstituíble (Gema López)

INAUGURACIÓN | Corpo permeable / Corpo insubstituíble (Gema López)

INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN | Corpo permeable / Corpo insubstituíble (Gema López)
Dende o xoves 29 de xuño as 20h ao 5 de agosto

O espazo da exposición está dividido en dous tramos e enlaza dous conceptos:

Por un lado, a unión do eu e as circunstancias que me rodean: O corpo permeable.

As teses de Gema parten sempre de conceptos inmateriais que toman forma a través da figuración. Os corpos, sempre interpretados coma un continente descontextualizado e impersoal, son os protagonistas absolutos de historias que o propio espectador é invitado a descifrar de maneira subxectiva. Trátase dun traspaso de poderes. Ela recrea de forma plástica os seus recordos e sensacións, para logo recibilo nós unindo as nosas propias vivencias á obra. Cando fala de corpo permeable, polo tanto, amósanos corpos carnosos e reais que se empapan dun aura espesa e surreal. Son corpos que absorben o seu contorno. O que vemos son as persoas, as súas circunstancias e a súa memoria subxectiva. A estética azulada e fantasmagórica, axuda a abrazar esa sensación de cambio constante, de metamorfose. Personaxes que se adaptan ás novas realidades e contornas.

Polo outro lado, temos o eu que busca a identidade individual a través da introspección e dos sentimentos que outras persoas xeran na súa psique. Trátase dun exercicio de absorción, case contrario ao anterior. É o corpo insubstituíble e conforma o segundo tramo da exposición.

A artista adopta aquí un carácter plástico máis abstracto deixando entrever pequenos detalles que aluden a realidades e sentimentos individuais. Fala da necesidade de continuidade humana, da estirpe e da familia escollida. Xa non se trata dunha invitación a ver as nosas experiencias nas súas. É a presentación plástica do sentimento único e individual.

Preséntanos tamén nesta segunda parte unha serie de retratos en monocromo chamada “Agora que non te podo ver” coa premisa das separacións físicas provocadas polas recentes restricións de mobilidade durante a pandemia, Gema reflexiona sobre “a memoria visual, reproducindo unha sorte de impresións minimalistas de dez persoas escollidas meticulosamente por formar parte da miña contorna máis persoal”.

Con esta exposición, Gema López lévanos da man ao interior da súa psique e con elo, adéntranos tamén na nosa. A conciencia colectiva arredor de temas tan íntimos é vital para poder curar unha sociedade danada. Aquí estamos. Isto somos.

O PERSOAL, É POLÍTICO.
Olga Pastor
Download App iOS
VIRAL App
Download App Android