18:00
Rockeando coa Ramona Pequena

Rockeando coa Ramona Pequena

“Pakolas”, rockeiro e guitarreiro, é o nome co que Paco Cerdeira se presenta ante o público infantil, eido no que o músico conta con longa traxectoria. Neste concerto, Pakolas guiaranos coa súa forza interpretativa e o seu humor por todo un universo musical, a través da súa voz e a guitarra, nun espectáculo individual creado polo propio autor, onde a interacción e participación coas nenas e nenos, a animación, as súas caracterizacións e a súa música son o principal atractivo para o público. 

En “Rockeando coa Ramona Pequena”(*) Pakolas preséntanos o seu próximo librodisco, que editará a colección Sonárbore na Editorial Galaxia no 2023. Con este novo traballo seguen as historias da Ramona Órbita, sendo unha parte II do seu anterior disco “Ramona Órbita, a dona do tempo”.

Contaremos e cantaremos a historia da Ramona pequena. A máquina do tempo leva a Ramona á súa infancia. Vivimos así unha nova aventura didáctica e rockeira rebordante de imaxinación e aprendizaxe.

Corría o ano 1967 no Courel e Ramona contaba con 6 aniños. Era unha nena movida por constantes inquedanzas, cunha mente esperta e imaxinativa. Adoraba perderse entre as páxinas de Xulio Verne, "A volta ao mundo en 80 días", "20 mil leguas de viaxe submarino", "Viaxe ao centro da terra" e sobre todo un que lle espertaba a mais grande das curiosidades, "Da terra á lúa", que lía unha e outra e outra vez. A Lúa era para ela unha fonte imparable de preguntas sen resposta: que tipo de leiras habería nela? Poderíase cultivar na súa superficie? Habería auga? Viviría alguén aí? Saberían, ou polo menos entenderían o galego? Sería mais grande que o Sol?

Moitas personaxes poderedes coñecer neste novo espectáculo, como a profe Lupe, que sempre escoitaba atenta as dúbidas da pequena, ou á súa amiga furona Nora, coa que consigue viaxar ata a Lúa! Con estas e outras personaxes chegaremos á fin desta viaxe, que nos ensina que a imaxinación non ten límites, a nosa cabeza é un taller de ideas onde os soños poden tornarse realidade

Un espectáculo para compartir coas mais pequenas e coa familia. Pakolas tamén incluirá nesta montaxe algún dos seus éxitos anteriores, dos mais aclamados polo público, dos libros de “Pakolas” editado no 2018, e “Ramona Órbita, a dona do tempo” editado no 2020.
Download App iOS
VIRAL App
Download App Android