10:30 hasta las 19:00
De 'O bufón d'El Rei' a 'O porco de pé'. Teatro galego en perspectiva

De "O bufón d'El Rei" a "O porco de pé". Teatro galego en perspectiva

*Apertura de inscrición o 4 de setembro

Case cen anos pasaron desde que se publicou O bufón d’El Rei (1928) ata que no ano 2022 se estreou a versión dramática de O porco de pé a cargo de Producións Teatrais Excéntricas. Aínda que parte deses anos foron na dura noite que o fascismo verteu sobre a xente e a cultura do noso país, fomos quen de manter viva a arte escénica no seu sentido máis amplo e diverso, desde os contos nas casas e nas tabernas ata os espectáculos merecedores da atención e recoñecemento do público e os premios.

O teatro é unha fonte de ilusión, de evasión, mais tamén de formación de conciencia. Esta xornada pretende abordar o teatro galego desde o punto de vista da escena —partindo, como é lóxico, da dramaturxia— e analizar desde o esforzo da xente do Grupo Nós por crear un teatro galego en galego (Risco, Castelao, Otero, Cabanillas…), necesario para normalizar a cultura do país, ata as vizosas fontes de creación actual e a proxección cara ao futuro.

Sabemos que é precisa máis dunha xornada para abordar case un século de traballo, de miles de vidas dedicadas á linda arte da representación, por iso esperamos que esta iniciativa sirva como un elo na cadea de pensármonos desde o teatro, e que alguén continúe con outros enfoques posibles que fagan máis rico este exercicio de memoria e recoñecemento ás protagonistas que nos proxecte cara a un futuro cheo da luz da ilusión.

Download App iOS
VIRAL App
Download App Android