Na fronteira, liña invisible entre a Galiza interior e o norte de Portugal; de brétema, chuvia, neve onde se funden a realidade e a ficción; a vida e a morte. Entre o misterio e os impulsos da terra. Entre o ser humano e as forzas da natureza. Entre o poético e o mítico, alén da xeografía. No límite da fantasía.
A idea de fronteira, da liña divisoria, punto de escisión e de unión, lugar de encontro e separación. Espazos vitais nos que os límites non só físicos, están na condición humana, no que de verdade nos converte en arraianos.
En ARRAIANOS, Ferrín crea un novo mundo mítico, a Raia, con 10 relatos literarios dos que nós eliximos e transformamos en escénicos dous: MEDIAS AZUIS e LOBOSANDAUS.
Arraianos mereceu: o Premio da Crítica galega, o Premio da Crítica española e o Premio Lousada Diéguez en 1992. A prosa de Ferrín: engaiolante, poética, musical, vigorosa e tradicional, capaz de transportarnos a calquera momento ou universo e facernos parte da historia que pretende contar, sexa cal sexa. Grazas a ese estilo máxico, mergullámonos nas súas tramas coa suficiente ilusión como para deixarnos atrapar por cantas historias se nos ofrecen.
VIRAL utiliza ricas galletitas (cookies), si sigues navegando aceptas su uso. Saber más.Aceptar