O próximo xoves, 22 de febreiro, ás 20,00 h., no salón de actos da Biblioteca Provincial de Lugo, van ser presentados dous libros relacionados co Camiño de Santiago en Canarias, obra do lucense afincado nas Illas José Manuel Espiño Meilán.
Os libros, publicados polo Goberno autonómico de Canarias (Consellería de Turismo, Industria e Comercio), son “AIRAM Y EL APÓSTOL” e “UN CAMINO DE LEYENDA”, sendo o primeiro un libro especialmente para nenos sobre a lenda da chegada por mar ás Canarias, hai cinco séculos, dunha imaxe ecuestre do Apóstolo, que deu orixe á devoción por Santiago nas Illas, e o segundo unha guía – especialmente para mozos – do Camiño Xacobeo nas Canarias que os peregrinos percorren de sur a norte (desde Maspalomas a Galdar) a gran concha de lava que se chama Gran Canaria.
É este o Camiño dos Volcáns, con gran seguimento nas Illas, que finaliza na igrexa dos Cabaleiros de Santiago de Galdar, protexido polos papas Xoan XXIII, Paulo VI e Xoan Pablo II, con 65 quilómetros que os peregrinos percorren en tres días por un camiño aparentemente árido pero cheo de vida vexetal e animal, e unhas paisaxes incomparables.
José Manuel Espiño Meilán, profesor e escritor, conxuga coñecemento e amor pola natureza e historia de Galicia coa devoción que profesa polas Illas (chamadas Afortunadas polo clima, a vexetación e a fauna) reflictindo en toda a súa obra ese coñecemento e amor pola riqueza natural das dúas terras.
VIRAL utiliza ricas galletitas (cookies), si sigues navegando aceptas su uso. Saber más.Aceptar