23:30
Frear o momento

Frear o momento

“Frear o momento” é o quinto traballo discográfico de Ith. Os oito temas que o conforman beben da creatividade dos últimos dous anos. Fieis ao puro estilo da música rock, as composicións tratan temas ben diversos entre si, mais todos xiran arredor dun eixo común: a reflexión. 

O disco abre co tema de presentación:"Aloumiños que festexan", unha peza rockandroleira inspirada na enerxía que poden chegar a quitar e a achegar ao mesmo tempo as crianzas á vida das persoas adultas. A este primeiro tema séguelle “O indefendible”, que non é senón un canto ao “terra, trágame”: algo co que non te identificas é, xa que logo, un “produto” indefendible. A terceira canción leva por título “Fasquía de cristal”, un medio tempo pesimista que filosofa sobre a enfermidade e sobre a lóxica desta vida. Con “Sen mirar atrás” o grupo muda de discurso cara ao optimismo e a esperanza: a vida só é unha, polo que cómpre aproveitala e amar a quen se ama, sen prexuízos nin estereotipos, mesmo se iso implica deixar atrás media vida e romper con clixés sociais. “Máis aló” é un canto ao activismo e á necesidade de crear piña para mellorar as condicións dos colectivos. Trátase dun berro de rexeitamento ao egoísmo. A sexta canción titúlase “(Des)estimativa”, un tema con moita forza que toma forma de crítica á sociedade estamental (que non clasista) na que algunhas persoas cren vivir. A letra insiste na pouca capacidade que moitas veces temos de estimar o valor dos acontecementos. Esta vai seguida por “Frear o momento”, que dá nome ao disco, unha composición convertida nunha lección de vida que deixa claro que os sentimentos non se escollen, polo que non se debe ir en contra deles. “O destino” pon o broche final ao disco, teimando en que o destino non está escrito, polo que cómpre avanzar e abrir moitos camiños, pois nalgún deles atoparemos o noso sitio.
Download App iOS
VIRAL App
Download App Android