20:00
SEMPRE MÁIS. ARTE, ECOLOXÍA E PROTESTA NA GALIZA DO PRESTIGE

SEMPRE MÁIS. ARTE, ECOLOXÍA E PROTESTA NA GALIZA DO PRESTIGE

A asociación Unha Gran Burla Negra (UGBN) traballa desde 2017 na construción, animación, xestión e estudo dun fondo documental, o Arquivo Vivo, vencellado as respostas artísticas e culturais que emerxeron arredor do movemento cidadá do Nunca Máis e Burla Negra. Probablemente sexa a maior colección existente adicada ao coidado da memoria colectiva do movemento, ningunha outra institución pública ou privada, colectivo ou coleccionista dispón dun arquivo semellante que, por implicar a memoria colectiva de Galicia, tenta ser xestionado de xeito cooperado e inclusivo.

Nestes cinco anos UGBN desenvolveu, xunto a outros axentes culturais, un calendario rico de mostras, eventos, seminarios e produción e actualización de materiais e de relatos asociados. Dende esta traxectoria queremos celebrar a efeméride do 2022 cunha mostra que consideramos especialmente singular. Sempre Máis. Arte, ecoloxía e protesta na Galiza do Prestige é unha exposición articulada desde a perspectiva curatorial de Germán Labrador e coa que volvemos a activar e poñer en relación o Arquivo Vivo que custodiamos.

Para esta ocasión a intención vai dirixida en favor da dignificación da estética pobre que acompañou a desbordante creatividade popular do Nunca Máis, para recoñecer a potencia formal do movemento e a súa funcionalidade; para reclamar unha arte que ao tempo faga e soñe. Así reclamamos o carácter formalmente pobre, a condición formalmente ecolóxica, dunha arte que non foi tomada en serio como tal, porque estaba vestida de materiais precarios, papel, cartón, pinturas, piche, pedra, madeiras, materias de refugallo, plásticos, uns poucos pixels, unhas cintas, cartolinas, case manualidades. Recuperamos a forza material desas creacións para darlles o tratamento individualizado que reclaman, para aprender a miralas, e ver o que de proposta artística hai nelas, dende o non obvio que a súa proximidade pecha.

Propoñemos saír dos elementos máis evidentemente icónicos do Nunca Máis para explorar as outras frecuencias ás que apelan, aos outros circuítos que activan, e aos mudos que remiten, con moito alén da suposta posmodernidade discursiva e cultural, da que se falaba daquela. Posmodernidade, xiros vanguardistas, baleiros hoxe insostibles despois de tantas crises. Tratamos de dar conta da importancia estética do movemento Nunca Máis e facelo sen disociar aos artistas das súas bases sociais e as prácticas de denuncia informais das formas pretendidas serias da arte; de non separar a ecoloxía respecto do museo. Sinalamos precisamente a continuidade que xustamente o Nunca Máis afirmou entre estética e política, entre arte e documento, entre público e cidadanía, entre festa e protesta, entre tradición e creación, entre natureza e cultura.

Fuente: https://www.compostelacultura.gal/espectaculos/evento/sempre-m%C3%A1is-arte-ecolox%C3%ADa-e-protesta-na-galiza-do-prestige
Download App iOS
VIRAL App
Download App Android