O Centro de Artesanía e Deseño acollerá do 27 ao 30 de abril un curso de interpretación de música medieval da man de catro dos mellores intérpretes destes estilos musicais a nivel internacional: Manuel Vilas, Paloma Gutiérrez del Arroyo, Bor Zuljan e Francisco Luengo. Ademais de atraer a Lugo os principais intérpretes de música medieval, situando a cidade como centro de referencia para estes estilos musicais, o curso promoverá a aprendizaxe e experimentación cos instrumentos reproducidos e conservados no Centrad, que dispón dunha das mellores coleccións de instrumentos históricos de Europa. O curso,que se impartirá nas instalacións do Centro de Artesanía e Deseño, ofrece catro materias de aprendizaxe. Arpa medieval, a cargo de Manuel Vila. Corda pulsada, cítolas e lúdes, a cargo de Bor Zuljan. Corda frotada, violas, gigas e organistrum, a cargo de Francisco Luengo. Canto, a cargo de Paloma Guitiérrez del Arroyo. Serán 8 horas de formación diaria, de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20:00 horas, con clases de interpretación de distintos instrumentos e voces e clases de música de cámara, xuntando diferentes instrumentos. Aínda que as alumnas e alumnos poderán dispoñer dos instrumentos dispoñibles no Centrad e dos que acheguen os profesores, recoméndase contar cun instrumento propio. As persoas interesadas en asistir deben anotarse previamente a través do enderezo electrónico info.centrad@deputacionlugo.org, do 20 de marzo e o 21 de abril, indicando nome e datos de contacto. Ofrécense 10 prazas por materia. A formación é gratuíta.
VIRAL utiliza ricas galletitas (cookies), si sigues navegando aceptas su uso. Saber más.Aceptar