Sisters in the House celebrará os seus 15 anos nos escenarios cun concerto especial e único no Teatro Colón da Coruña o próximo 4 de novembro. O coro contará coa colaboración de artistas como Guadi Galego ou Xurxo Fernandes e bailaríns de Nova Galega de Danza para a ocasión, na que repasará unha selección do repertorio de toda a súa traxectoria e presentará novas versións nun recinto emblemático da cidade que o viu nacer.
A formación, de música moderna e integrada exclusivamente por mulleres, contará no seu aniversario co acompañamento dunha banda formada por guitarra, baixo e batería, que se sumarán ao piano da súa directora e arreglista, Carmen Rey. Temas de diversos estilos e artistas, desde fitos da música negra como Aretha Franklin ou Ray Charles ata composicións de Guadi Galego, pezas de musicais ou cancións populares galegas desfilarán polas voces das 21 sisters, sempre con versións e arranxos exclusivos, asinados por Rey.
VIRAL utiliza ricas galletitas (cookies), si sigues navegando aceptas su uso. Saber más.Aceptar