16:15
MIL MAXIAS MÁIS

MIL MAXIAS MÁIS

Un espectáculo do mago Antón arredor da lingua galega

A maxia constitúe en si mesma moito máis ca unha actividade de lecer ou unha industria cultural. A maxia baséase nunha concepción cultural propia e orixinal, unha maneira de entender a comunicación humana e unha forma de transmitir novas ideas, valores, esperanzas, unha visión anovadora da vida e da realidade. A maxia é a arte de conmover o ser humano para que nunca perda a súa inocencia primordial.

A maxia é unha arte escénica que ademais de sorprender, divertir e emocionar pode e debe contribuír a que a fala, que é o don máis prezado que temos como galegos e galegas, non desapareza nunca. Foi Álvaro Cunqueiro, un gran mago da palabra, quen falou das Mil primaveras máis para a nosa lingua. Parece cousa de maxia dicir tanto con tan só tres palabras.

Este espectáculo quere ser unha homenaxe ao propio Cunqueiro e tamén a todos os homes e mulleres que -cultivando a literatura, as artes, a música, ao longo da nosa historia- sempre tiveron presente que a nosa fala era unha sorte de variña máxica que tiñamos nas nosas mans para facer que Galicia durase mil primaveras máis.

O espectáculo.Sinopse do seu contido

A maxia en esencia é un xogo e con ela podemos facer que as palabras aparezan, desaparezan, se transformen ou mesmo leviten diante dos nosos propios ollos. Nesta proposta máxico-teatral non faremos trucos de mans, non desviaremos a atención, non faremos aparecer coellos. Faremos maxia da boa a partir das nosas palabras, da nosa historia, do noso patrimonio cultural material e inmaterial.

Mil maxias máisé un espectáculo de maxia dirixido ao público familiar para poñer en valor a nosa lingua utilizando xogos orixinais creados polo mago Antón coa finalidade de facer que os espectadores lembren a importancia que ten a palabra en galego. Os espectadores verán aparecer por arte de maxia e con todo o seu valor simbólico: landras, amorodos, lóstregos, bolboretas e moitas, moitas vasoiras para que todos e todas poidamos voar coa maxia do mago Antón e a da nosa lingua.

O continente deste espectáculo é un teatro sobre rodas: o magomóbil. Trátase dun vehículo expresamente deseñado para a presentación de espectáculos de maxia de cerca e de salón.Conta con grupo electróxeno propio de 40 caveas, aire acondicionado, son, canón de luz, pantalla de proxección, proxector e outros dispositivos técnicos que o converten nun espazo idóneo para este tipo de iniciativa cultural.Este vehículo, de 13 metros de longo, ten unha capacidade para 70 espectadores por función e faranse 5 funcións diarias.

Entrar no magomóbil para presenciar Mil maxias máis será como abrir un libro de marabillas, entrar nun mundo fascinante onde todo xira arredor da maxia da palabra. Mil maxias para mil primaveras.
Download App iOS
VIRAL App
Download App Android