EXPOSICIÓN | Os traballos de Hércules Colección de gravados dos fondos académicos Do 03/09/2024 ao 06/10/2024 | Museo Provincial de Lugo A mostra, comisariada por José Ramón Soraluce Blond e organizada pola Real Academia Galega de Belas Artes, co patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración da Área de Cultura, Vicepresidencia da Deputación de Lugo a través da Rede Museística Provincial de Lugo, forma parte dos actos programados para conmemorar o 175 aniversario da fundación da Academia. Esta efeméride busca rescatar a meritoria historia da institución e seguir proxectando a súa presenza institucional e actividade cultural na sociedade galega. Dentro da celebración do 175 aniversario, a Academia propón achegar a súa realidade a toda Galicia mediante diversas actividades, entre as que destaca esta exposición da Colección de Gravados, centrada nos “Traballos de Hércules”. Trátase dunha exposición itinerante que percorre Galicia, composta por 16 gravados orixinais sobre «Os Traballos de Hércules», baseados na serie de pinturas que o artista italiano Luca Giordano realizou para Carlos II no Casón del Buen Retiro de Madrid. Estes gravados, realizados pola Calcografía Nacional en Madrid ao redor de 1790, forman parte das coleccións da Real Academia Galega de Belas Artes. A serie ilustra o encargo mitolóxico realizado a Hércules, que incluía doce aventuras, entre as cales destaca a que se desenvolveu en Galicia: o enfrontamento co rei Xerión para recuperar o rabaño de bois que este arrebatara aos campesiños da rexión. Hércules derrotou a Xerión na Coruña e sobre os seus restos construíu a Torre de Hércules, un símbolo histórico de gran relevancia. A exposición poderá visitarse no Museo Provincial de Lugo dende o día 3 de setembro ata o 6 de outubro. Ademais, o día 10 de setembro ás 19:00 horas, terá lugar unha presentación da mostra no mesmo museo.
VIRAL utiliza ricas galletitas (cookies), si sigues navegando aceptas su uso. Saber más.Aceptar