Coloquio 'A xestión de proxectos musicais: experiencias prácticas desde o interior da industria' 30.10.2024 | 12.30h Facultade de Humanidades Complexo Docente - Salón de Graos O Salón de Graos da Facultade de Humanidades acollerá o mércores 30, ás 12.30 horas, o coloquio titulado 'A xestión de proxectos musicais: experiencias prácticas desde o interior da industria', unha actividade organizada no marco da materia Economía da Cultura do Grao en Xestión Cultural. A asistencia é libre até completar aforo. Este evento contará coa participación de dous profesionais da industria musical galega: Andrés Rivero Sanjuán, músico e xestor da agrupación Latexo Percusión, e Manuel Lucas Mariño, músico e xestor da banda De Ninghures. O acto estará moderado polo profesor Raul Rios Rodríguez. Durante o coloquio, ambos os dous convidados ofrecerán unha visión práctica e realista sobre a xestión de proxectos musicais. Discutirase como os músicos xestionan a distribución dos seus produtos musicais, xa sexa a través de concertos en directo ou de música gravada en diferentes formatos, e analizarase o papel e as modalidades de apoio institucional ao sector. Outro tema relevante será a profesionalización no sector e a viabilidade de vivir da actividade musical. Tamén se abordarán diferentes enfoques de xestión, comparando as vantaxes e desvantaxes da autoxestión fronte á contratación de certos servizos a profesionais especializados, e afondarase na importancia crecente da presenza dixital e das redes sociais para a promoción dos proxectos musicais. Ademais destas cuestións, os convidados compartirán as súas experiencias persoais, incluíndo como se enfrontaron aos retos de producir e gravar música, o papel das redes informais no mundo da música e as posibilidades da intelixencia artificial no proceso de creación musical. Unha oportunidade de aprendizaxe Este coloquio constitúe unha boa oportunidade para aprender directamente dos axentes culturais. Os asistentes poderán coñecer de primeira man as experiencias de profesionais que levan anos traballando no sector, ofrecendo unha visión práctica e enriquecedora sobre a realidade da industria musical.
VIRAL utiliza ricas galletitas (cookies), si sigues navegando aceptas su uso. Saber más.Aceptar