Lluís Lleó (Barcelona, 1961) herdou do seu avó e do seu pai a fascinación polas pinturas románicas do Vall de Boí. Este interese polas técnicas tradicionais vese reflectido na súa obra, na que aplica a técnica do fresco a través da utilización do pigmento en estado puro. Os seus traballos máis recentes caracterízanse por unha conxunción entre a escultura e a pintura, a medio camiño entre figuración e abstracción. Lleó sabe combinar á perfección pintura e relevo, conferindo ao conxunto un matiz case arquitectónico. Esta especie de organicismo pictórico espacial no que o material xermola da tea, é transmisor de dicotomías como lirismo-contundencia, presenza-transparencia e orde-caos.
A obra de Lleó reflexionou con frecuencia sobre o traballo e os conceptos teóricos e espaciais da arquitectura (caso da súa serie sobre Álvaro Siza), a partir de cuestións como a escala, as formas, os materiais, a xeometría e a emoción. E une, dun modo natural, o compromiso contemporáneo co estudio e coñecemento das técnicas clásicas.
Esta exposición, a primeira nun museo español tras o seu regreso de Nova York, onde residiu durante varias décadas, mostra a obra dos últimos anos –pinturas e debuxos sobre distintos soportes, grandes papeis flotando nos patios, esculturas e estruturas circulares que dialogan coas salas da planta baixa–, xunto a unha selección de traballos anteriores considerados referenciais. Como eixe arquitectónico e simbólico da mostra, a instalación que ocupa o panóptico central, onde o artista instalou unha estrutura circular de aceiro revestida de terracota pintada ao fresco, composta por 365 bloques que compoñen un itinerario vital.
VIRAL utiliza ricas galletitas (cookies), si sigues navegando aceptas su uso. Saber más.Aceptar