Relatorio arredor da novela:
“As vidas do río”
Autor: Xulio Teixeira Rodríguez (escritor, profesor de Dereito da UVigo)
Interveñen: Antón Sobral (artista, directivo do Ateneo de Pontevedra), María Díaz (xornalista da Cadena Ser), Tomás Alonso (xornalista da TVG), Antón Vidal Andión (presidente do Consello de Administración de Editorial Galaxia), Marcos Calveiro (director de Edicións de Editorial Galaxia) e Xulio Teixeira Rodríguez
Día: xoves, 21 de marzo de 2024
Hora: 19:00
Lugar: área de cristal do Edificio Castelao do Museo de Pontevedra (rúa do Padre Amoedo Carballo, 3; andar 0)
O Ateneo de Pontevedra organiza, en colaboración con Editorial Galaxia, un relatorio arredor da novela As vidas do río, de Xulio Teixeira Rodríguez.
A actividade terá lugar o vindeiro xoves, 21 de marzo, ás 19 horas, na área de cristal do Edificio Castelao do Museo de Pontevedra. O autor estará acompañado por Antón Sobral, María Díaz, Tomás Alonso, Antón Vidal Andión e Marcos Calveiro.
A entrada é libre ata completar capacidade.
Da obra
Unha cidade con vida. Un río de morte que a rompe. O cadáver dunha muller. Un asasinato? O primeiro. A partir de aí a escuridade e o fanatismo anuncian días de horror. Polo medio, intriga, tensión policial e humor. Un reloxo en marcha, a ignorancia do que acontece e as pantasmas do pasado.
Nas misteriosas e revoltas augas da cidade de Pontevedra, o comisario Serafín Freixeiro deberá resolver unha serie de crimes onde os intereses políticos, económicos e relixiosos chocan cunha realidade sorprendente de Semana Santa.
As vidas do río é unha novela de suspense que fai que o lector sinta a forza de atracción dunha cidade actual, viva e máxica, onde as emocións animarán o seu camiño para coñecela a través duns acontecementos tráxicos, neste relato vertixinoso en que as pezas van encaixando con precisión para chegar a un insólito final.
Do autor
Xulio Teixeira Rodríguez (O Porriño, 1968) é avogado e profesor de Dereito da Universidade de Vigo. Publicou varios libros sobre temas xurídicos e participou en diversas publicacións científicas no seu campo académico. Tamén é autor do poemario De amor e outros medos (2013) e dunha novela de literatura xuvenil, Os números viaxeiros (2023).
A súa vocación social e de aprendizaxe levárono a traballar como voluntario en causas de dereitos humanos en varios países, como O Perú, Guatemala, Ecuador, Bolivia e Colombia, e viaxar por diferentes países doutros continentes, compartindo experiencias con diversas e variadas culturas.
COLABORA: Museo de Pontevedra.
VIRAL utiliza ricas galletitas (cookies), si sigues navegando aceptas su uso. Saber más.Aceptar