Para recoñecer todo o traballo e o esforzo das persoas que conseguiron situar á Asociación Deportiva Xiria como unha referencia dentro de Galicia, este venres 14 imos clausurar os actos do 40º aniversario cunha celebración aberta a todo o deporte carballés e a toda a veciñanza.
A Concellaría de Deportes, Xiria Volei, Escola Basket Xiria, Balonmán Xiria e Club de Xadrez O Toque Xiria colaboran na organización dun evento que nos sitúa, ademais, na antesala das festas do San Xoán, e que pretende ser unha gran festa do deporte carballés.
O punto de partida será a Biblioteca Rego da Balsa. Alí concentraranse os/as deportistas das distintas seccións de Xiria para iniciar ás 20.30 horas un pasarrúas ata a Praza do Concello acompañados coa música e as acrobacias dun grupo circense. Unha vez na praza continuará o espectáculo circense ata o inicio do acto institucional, arredor das 21.15 horas, no que participarán os tres ex presidentes da Asociación Deportiva Xiria –Gema Paz Bello, Carlos Puga Trigás e Luciano Calvo Pumpido-, o presidente actual, Rosalino Mariño, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. E, ao remate, seguirá soando a música coa dj Sara Pose, que, por certo, tamén está ligada á historia de Xiria.
VIRAL utiliza ricas galletitas (cookies), si sigues navegando aceptas su uso. Saber más.Aceptar