Os Carunchos, banda de música tradicional que está a facer trinta anos, presentan, ás 18 h, durante o Convivio da Cultura Galega, que se celebrarará no Campo de Santa Isabel, en Outeiro de Rei, o próximo 13 de xullo, o seu último traballo dedicado integramente a Manuel María. Entre os carballos, ameneiros e bidueiras de Santa Isabel soará "Unha gorxa chea de paxaros", que celebra a palabra do poeta poñéndolle música a algúns dos seus poemas emblemáticos como “A fala” ou “Galiza” e outros menos divulgados como “O poder de esquecer” ou “Tríadas dos soños”. Trece temas de música de festa para desfrutar, bailar e ser acompañada polo público. O traballo, que é o oitavo do grupo, acaba de ser editado por Xerais nun libro-disco que conta con textos de Xurxo Souto e de Xaneco Tubío.
VIRAL utiliza ricas galletitas (cookies), si sigues navegando aceptas su uso. Saber más.Aceptar