Residencias Land Art de creación comunitaria 2023 As residencias Land Art de creación comunitaria “Da terra que dá novas relación entre arte e vida” están motivadas pola necesidade de crear un espazo de conversa, creación e recuperación. Consideramos a arte como a plataforma dende a cal poder falar, visibilizar e analizar as temáticas vencelladas ás comunidades e espazos do noso territorio co fin de medrar e evolucionar en conxunto. Co fin de continuar a repensar problemáticas ligada ao territorio, á sustentabilidade e á realidade das comunidades que configuran estes espazos, os nosos. Un formato de creación directa no espazo natural, creado en consonancia coa comunidade local para aportar unha ollada diversa arredor de temáticas tales como a sustentabilidade, a herdanza, as redes comunitarias, o despoboamento, a permanencia da memoria e da comunicación e a problemática rural entre outras. Colocando o foco principal nas persoas, retornando á raíz das historias, das micro-narracións e vivencias que abrazan e constrúen a comunidade do Pazo de Tor. As convivencias estarán conformadas por catro artistas contemporáneas/as do tecido cultural galego. Catro miradas, catro disciplinas, infinidade de posibilidades de conversa con Lois Cid, Rosa Neutro, Alberto Oderez, Verónica Vicente. Durante as residencias haberá tamén algunha actividade complementaria os seguintes días: 25 Mayo– Portas abertas 12h (encontro coa comunidade) / 27 Mayo– Encontro co do sector artistico ás 12h. Lois Cid (Ourense, 1993) É graduado en Belas Artes pola universidade de Castela-A Mancha, ten un Máster en Fotografía pola Royal Academy de Amberese é, ademais, Técnico Superior de Fotografía pola EASD Antonio Faílde. Expuxo en festivais, galerías e espazos de arte nacionais e internacionais como: Encontros da Imagem (Braga, Portugal), Grosvenor Gallery (Manchester, Reino Unido), XPO (Enschede, Países Baixos), FOMU, (Amberes, Bélxica) Lamosa, Laboratorio Modulable Artístico (Cuenca) e na Galería Dispara (A Estrada, Pontevedra), entre outras. Seguindo coa súa práctica artística Lois Cid achégase a Tor cun proxecto aberto no que traballar con espazos concretos nos que se relaciona con eles a través de mecánicas fotográficas que fixen a imaxe a un soporte e tamén con materiais base que compoñen o terreo que transforma e intervén. Rosa Neutro (Cangas do Morrazo, 1979) é artista, licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e con estudos de deseño gráfico na Escola de Arte Antonio Failde, Ourense. Nos últimos anos participou en diversas exposicións individuais e colectivas. “Pequena enciclopedia de fotografía (fragmentada)” na Sala Maruja Mallo da sede da Deputación de Pontevedra en Vigo (2022) é a súa última exposición individual. “Estéticas do cinema” (Semana de cine de Cangas, 2021); unha retrospectiva das súas principais obras inspiradas no cinema clásico. “Un cuarto propio”, proxecto premiado na convocatoria de comisariado da sala Zona C de Santiago de Compostela (2017). Dogma natura [violeta e rosa] ou como ensinar Land Art a unha nena. Nesta proposta suxírese partir do dogma da arte, concretamente dun conxunto de crenzas e fundamentos que vertebran a creación artística desenvolvida no entorno da natureza, para subverter certas prácticas deste campo que exclúen cuestións que teñen que ver coa conciliación, os coidados, a infancia e a diversidade. Alberto Odériz (Pamplona, 1983), arquitecto pola ETSA de Barcelona en 2008. Mestría de Análise Teoría e Historia da Arquitectura e a Cidade na UNAM cunha tese sobre a destrución do espazo público na Cidade de México. Desde 2010 reside entre Navarra e México onde compaxina o seu traballo como escultor con outras disciplinas como o urbanismo ou a docencia (profesor do seminario de investigación na Mestría en Vivenda e en Ciudad en CENTRO- México). Amosou o seu traballo en España (Museo de Navarra, Centro Huarte, GALERÍA NORDÉS en Santiago de Compostela, en ARCO) e en México (Centro Cultural de España en México, UNAM, PROXECTOR ou a feira MACO) entre outros. Granito é un proxecto escultórico ao redor da temática do Land Art e pensado para realizarse na contorna do Pazo de Tor en Lugo. É un marco de traballo a partir do material pétreo principal que se extrae en Galicia: o granito. O escultor e arquitecto Alberto Odériz tratará de investigar a pedra na súa relación coa paisaxe e coa sociedade que a usa e transfórmaa. O material protagonista é o granito galego e os traballos principais que se realizan sobre el nas canteiras que consisten na selección da pedra, o seu marcado e as técnicas de división, transporte e almacenaxe. Desta forma a escultura propón un diálogo coa contorna física e social do lugar introducindo as ferramentas e a linguaxe propia da escultura. Un diálogo en dúas direccións, por unha banda o escultor aprenderá do material, desde as súas condicións físicas, a súa disposición no territorio pero tamén dos procesos de extracción e transformación que se realizan nas canteiras galegas. No outro lado da interacción utilizarase as ferramentas da arte desde a escultura, o debuxo, a fotografía ou o vídeo para interpretar ese proceso. Verónica Vicente (Tomiño, 1988) é graduada en Belas Artes pola UVIGO, conta cun Mestrado en Fotografía Conceptual e Artística da Escola EFTI e outro en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas da USC. O seu traballo explora temas relacionados coa identidade na sociedade contemporánea, cuestións existenciais ou as fronteiras do corpo. Entre os seus recoñecementos destaca o Premio de Fotografía Joven da Fundación Enaire. Expluxo de forma individual na Fundación Rac, en Espacio Alexandra, dentro do programa OFF de PhotoEspaña, ou en galería La Gran. A súa obra forma parte de coleccións como as do CGAC, Fundación Rac, Centre d’Art La Panera, Museo Nacional de Escultura ou Fundaçao Bienal de Arte de Cerveira. A figura da árbore pode ser entendida como símbolo do transcurso do tempo e os ciclos vitais continuamente reactivados a través da caída das follas no outono para dar paso ao seu regreso na primavera como brotes novos. Metafóricamente a nosa existencia escríbese nas follas. Exponse así unha reflexión sobre a relación da identidade co paso do tempo, sobre a paisaxe emocional máis persoal e íntimo e sobre o vínculo co territorio dos habitantes da zona. O proxecto levará a cabo con colléitaa de libros da contorna, base e sustento do proceso creativo da artista.
VIRAL utiliza ricas galletitas (cookies), si sigues navegando aceptas su uso. Saber más.Aceptar