10:00 hasta las 13:30
Andaina polos camiños da Terra Chá: desde a igrexa de Saavedra até Barrazoso Vello

Andaina polos camiños da Terra Chá: desde a igrexa de Saavedra até Barrazoso Vello

Domingo, 1 de outubro.

Saída ás 10 hrs desde a Casa-Museo Manuel María para nos achegar todos xuntos, en automóbeis particulares, ao inicio do itinerario.

Distancia: 7 kms

Duración aproximada: 3 hrs

Dificultade: baixa

Guía: Orlando Viveiro (divulgador cultural)

Inscricións en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621

As lendas do santuario dos Milagres de Saavedra permiten ás persoas viaxeiras mergullarse no seo de mundos que a día de hoxe fican case esquecidos. Tentaremos descubrilos nesta andaina polo Camiño Real que chega aquí despois de cruzar o Miño pola ponte medieval de Rábade e marcha de seguido en dirección ás terras de Vilalba.

A rota avanza pola Agra dos Castros en dirección a Fontefilloa para ollarmos as carballeiras de Cubelas, onde sobrancea o seu fermoso exemplar centenario. Pasado o regato da Forcada do Lobo atopamos Altide, lugar de Santa María de Trobo, no cal visitaremos o extraordinario carballo da Casa do Roxo para continuar camiño de Martín logo de pasar o regato de Altide que descende cara ás Veigas de Baltar.

Desde este cruzamento de vías, sinalado por un fermoso cruceiro, ascenderemos até o Pertegueiro, parroquia de San Xiao de Gaibor, para marchar de seguido polos barrais de Vigo e A Vila onde se conservan interesantes construcións que certifican a antigüidade do roteiro que levamos. A paisaxe outoniza enrodelará de cores a nosa andaina mentres avanzamos demoradamente na procura do Barrazoso Vello, o punto onde remataremos a viaxe.

Neste antigo emprazamento tivera lugar durante anos unha importante feira situada nas proximidades da evocadora capeliña de Santo André onde xuntan os camiños e as historias: un fermoso lugar encravado nesta vella rota, preto da mítica fortaleza de Cal da Loba.

Download App iOS
VIRAL App
Download App Android