16:00 hasta las 19:00
Encoros, arquitectura, enxeñería e patrimonio

Encoros, arquitectura, enxeñería e patrimonio

Na sociedade actual, na que a auga se converteu nun recurso fundamental e, ao tempo, escaso, comeza a ser necesario atender ás dimensións patrimoniais derivadas da construción de grandes encoros. Por este motivo, pártese do interese por avaliar o impacto que as infraestruturas hidroeléctricas, moi presentes no noso país, xeraron no territorio e nos bens culturais que nel se atopaban e como a súa posta en marcha seguiu unhas pautas propias que determinaron uns procesos de intervención só explicables nas circunstancias en que se produciron.

Galicia, e por extensión España, é un país rico en recursos hídricos e iso levou a que as políticas gobernamentais os aproveitasen desde os primeiros anos do século XX. Este aproveitamento intensificouse de forma substancial tras a Guerra Civil, cando o Goberno, a través do Plan Nacional de Obras Públicas (1938-1965), se propuxo un aproveitamento integral destes recursos para a consecución da prosperidade económica que o país necesitaba. Co proxecto destas grandes infraestruturas, que caracterizaron o período franquista, construíronse un alto número de pantanos —máis de 300— en lugares diversos que afectaron a importantes territorios, nos que os bens existentes quedaron, moitas veces, relegados a un segundo plano. Entre estes bens atopábanse algúns de gran valor cultural, que foron rescatados das augas, mentres que pola contra outros, non tan acordes cos ideais propagandísticos do Estado, quedaron mergullados baixo a auga ou no mero recordo dos habitantes que se viron obrigados a abandonar os seus lugares de orixe, ante o progreso que supoñía a crecida das augas. Preténdese con este encontro analizar o impacto destas construcións e as súas consecuencias no campo da restauración e conservación dos monumentos e na creación de novas paisaxes culturais, sen o que non se entendería a realidade xerada nos diferentes territorios, a partir da súa relación coa obra pública, o patrimonio e o cinema.

Download App iOS
VIRAL App
Download App Android