16:00
Paco Pestana: o impenitente narrador da vida

Paco Pestana: o impenitente narrador da vida

Paco Pestana (A Frairía, Castroverde, Lugo, 1949-2021) foi, sen ningunha dúbida, un creador multidisciplinario que atopou na escultura e na poesía as súas canles fundamentais de expresión. Cronoloxicamente encádrase dentro da xeración de artistas e escultores que xorden en Galicia a partir do grupo Atlántica, aínda que nunca chegou a pertencer a el.

De formación autodidacta, comeza no mundo da escultura con 28 anos. Apegado ás súas orixes campesiñas, que sempre reivindicou con fruición, tivo un interese case febril por todo o concernente aos produtos artísticos. «A escultura paréceme unha maneira parcial de ver a vida. Eu fago autobiografía e confésome nela. Se vivise 150 anos, repartiríaos entre escultor, cineasta, actor... e todo iso co espírito da poesía».

Paco Pestana foi un home de cultura viaxeira e variado currículo profesional. A súa traxectoria resulta unha suma de capítulos que, de forma progresiva e sen fracturas, se foron sucedendo. Grandilocuente, imaxinativo, histriónico e irreverente, foi un perspicaz, lúcido e agre observador do mundo, un home cunha inefable capacidade de narrar.

A súa obra plástica partiu da natureza como soporte material —a madeira, sobre a que traballou fundamentalmente— pero tamén conceptual. Unha natureza que foi o actor principal da súa obra, ía e viña dela, observábaa co único fin de asemellarse —"ou son natureza ou non son nada…"— e transmitir isto, creando un universo absolutamente propio. Poucas veces se deu dentro da obra dun artista tal ligazón entre autor e obra. Case poderiamos dicir que, no seu caso, a obra era case máis un modo de ser que de dicir.

Paco Pestana faleceu de maneira repentina en outubro de 2021. Dous anos despois, o Consello da Cultura Galega organiza esta xornada de homenaxe e revisión da traxectoria dun creador referencial para entender o desenvolvemento da escultura en Galicia nas últimas décadas do século XX.

Máis información e inscrición http://consellodacultura.gal/evento.php?id=201680

Download App iOS
VIRAL App
Download App Android