16:30
Música e Videoxogos dende Galicia

Música e Videoxogos dende Galicia

O importante crecemento do sector do videoxogo fixo que nos últimos anos este se posicione como un dos vectores actuais da industria cultural, superando xa o audiovisual. Os videoxogos configúranse como un medio de comunicación, expresión e creación e tamén como unha importante ferramenta educativa.

A diversificación e madurez dos seus públicos conlevou unha revolución no desenvolvemento de coidadas narrativas interactivas, pois, xunto coa tradicional demanda de xogabilidade, hai unha esixencia crecente na dimensión artística e inmersiva que representan o acabado gráfico, o guión e a banda sonora. Sen dúbida estas novas dimensións están abrindo novos camiños de especialización aos profesionais da cultura en todo o mundo, que ademais poden acceder ao mercado global da industria do entretemento desde calquera lugar. Esta crecente importancia como obxecto cultural e como produto industrial estimula a necesidade de prestar unha atención especial a este sector.

Nesta xornada, organizada polo Arquivo Sonoro de Galicia, detémonos na banda sonora que acompaña os videoxogos, un compoñente que está a acadar entidade de seu como parte da estratexia das grandes compañías da industria do entretemento. Como manifestación artística, a música suscita experiencias estéticas, expresa sentimentos e emocións, evoca pensamentos e ideas; por iso é interesante analizar como condiciona e como dirixe as persoas na recepción e no uso do videoxogo. Sendo a música un elemento semántico, emocional e identitario de importancia fundamental, cómpre preguntar se as composicións musicais que acompañan os videoxogos entreteñen, divirten, acompañan ou comunican.

Ademais, queremos coñecer cales son as pautas musicais compostas e empregadas dende Galicia: influencias foráneas, identificación de referentes galegos tradicionais e/ou actuais, emprego da lingua galega se hai lugar, recoñecemento de intérpretes e de compositoras e compositores galegos e as oportunidades existentes para a creación musical propia nesta área en expansión.

Download App iOS
VIRAL App
Download App Android